O Concello destina este ano á convocatoria 105.800 €
As entidades sen fins de lucro de Fene poderán solicitar desde mañá as subvencións de concorrencia competitiva para 2023
14-09-2023
Publicado no BOP núm. 176, do 14.09.2023, o extracto das bases reguladoras da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen fins de lucro para o ano 2023. O obxecto da convocatoria é apoiar ás entidades municipais sen ánimo de lucro no desenvolvemento e actividades culturais, deportivas e educativas que favorezan a participación entre a veciñanza e, así mesmo, contribuír ao financiamento dos gastos de funcionamento, necesarios para o cumprimento dos fins propios das asociacións e para o desenvolvemento das actividades obxecto da subvención. A contía máxima das subvencións por entidade ascenderá a 15.000 € no caso das entidades deportivas, a 12.000 € nas culturais e 1.500 ás ANPAS. Unha vez publicado o estrato da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, o prazo de presentación de solicitudes prolongarase desde o venres 15 de setembro ate o luns 25 de setembro, ás 14.00 horas.
Poderán optar a estas subvencións as entidades que, no momento de presentar a solicitude de subvención, “carezan de ánimo de lucro, teñan sede e desenvolvan as súas actividades no Concello de Fene, estean legalmente constituídas e estean inscritas no rexistro autonómico correspondente, non estean incursas en causas de incompatibilidade ou incapacidade para percibir subvencións da Administración pública, que as actividades para as que solicitan subvención sexan de interese para o Concello e que, no caso de seren beneficiarias de axudas anteriores concedidas en anos anteriores polo Concello de Fene, ás teñan debidamente xustificadas e aprobadas pola entidade local.
Serán subvencionables as actividades que se desenvolvan ao longo do exercicio de 2023, ou no caso das que duren un curso académico, as realizadas no curso 2022/2023 e no primeiro trimestre do curso 2023/2024. No caso das entidades deportivas, serán subvencionables os gastos derivados da inscrición de equipos, fichas federativas e mutualidades e equipacións correspondentes á tempada 2023-2024 e aqueles outros que se realizaran no ano 2023. Para as entidades culturais e ANPAS serán subvencionables as actividades que se desenvolvan ao longo do exercicio de 2023, ou no caso das que duren un curso académico, as que vaian ter lugar no primeiro trimestre do curso 2023/2024.
A contía das subvencións poderá acadar, como máximo, o 80% do presuposto de gastos que se detalle no formulario da solicitude, co máximo subvencionable que se determina na cláusula 2ª das bases.
As solicitudes, en modelo oficial facilitado polo Concello, e demais documentos presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Fene, a través da sede electrónica municipal, ou por calquera dos medios contemplados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.