A Concellería de Cultura oferta escolas de piano, guitarra e solfexo para o curso 2023-24
O Concello de Fene abrirá o mércores 4 de outubro o prazo de matrícula para as escolas municipais de música
15-09-2023
As inscricións realizaranse do 4 ao 6 de outubro, nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín. Para poder matricularse será imprescindible solicitar cita previa os días 3 e 4 de outubro nos teléfonos 981 492 804 ou 607 626 812 entre as 8:30 e as 14:00. Unha vez concertada a cita, procederase á asignación de horarios de matrícula entre o mércores 4 en horario de tarde (16:00 a 19:00) e os días 5 e 6 en horario de mañá (de 8:30 a 14:00 h). O curso 2023-24 prolongarase nas escolas culturais municipais do 16 de outubro ao 31 de maio. A incorporación do alumnado farase no primeiro día fixado para cada actividade.
As escolas municipais de música do Concello de Fene van dirixidas a nenos/as a partir de cinco anos e poboación en xeral.
Na escola de piano-solfexo, as aulas de solfexo organízaranse en función do nivel/idade e nos horarios estipulados nas bases. Pola súa parte, os horarios de práctica instrumental (piano) por alumno/a escolleranse no momento de efectuar a matriculación. A escolla farase por rigorosa orde de inscrición, e segundo as franxas horarias establecidos no cadro de horarios (1 alumno/a por franxa horaria. Unha hora de práctica instrumental á semana).
En canto á actividade de guitarra, contémplanse dous grupos, un de iniciación e outro de perfeccionamento, desenvolvéndose as clases na Casa da Cultura de Fene os martes e venres, de 16.30 a 17.30 horas (iniciación) e os luns e xoves, de 17.30 a 18.30 horas (perfeccionamento).
Segundo se establece na ordenanza municipal número 2, reguladora dos prezos pola prestación de servizos deportivos e culturais, o custe das actividades de piano e solfexo (tres cotas/curso) será de: 16,80€ para os menores, 38,60 para os adultos e 30,90 para as persoas maiores de 65 anos. No caso da guitarra (todos os niveis), o custe da actividade (tres cotas/curso) será de: 16,80 (menores) e 38,60 (persoas adultas).
Tamén existe a posibilidade de solicitar un “abono familiar”, modalidade de pagamento “destinada a incentivar a participación dos membros da unidade familiar nas escolas municipais así como na adquisición do bono deporte”. Terá a consideración de abonado familiar o pai, nai, titor ou titora que poderá incluír no seu abono ao cónxuxe e fillos menores de 18 anos, ou maiores en situación de paro sempre nun número mínimo de dous membros (pai, nai, titor/a e fillo/a) e/ou actividades municipais.
As cotas para os abonados familiares determinaranse aplicando unha redución do 20% da cota a partir da segunda actividade en que se matricule ou a partir do segundo membro da unidade familiar que o faga. A redución do 20% non se aplicará á actividade que teña a tarifa máis elevada de entre as que se matriculen os membros da unidade familiar.
Durante o curso só se admitirán novas matriculacións nas escolas culturais sempre que haxa prazas libres ou se produzan baixas na escola en cuestión e as altas non interfiran o normal funcionamento do grupo de traballo. No caso de que procedan as altas, o número de novas matriculacións será igual ao de baixas na actividade.
Para máis información, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas do Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene (981-340366) ou consultar a normativa xeral de matriculación, as datas de celebración dos cursos e as tarifas e prezos na páxina web municipal (www.fene.gal)