Ao longo da fin de semana haberá funcións teatrais en Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Neda e Valdoviño
O V Festival Internacional Entes Animados 2023 volta a Fene e a outros sete concellos da contorna
19-09-2023
Con presenza dos/as concelleiros/as e técnicos/as de Cultura dalgúns dos Concellos participantes, a Casa da Cultura de Fene acolleu este mediodía a presentación do 5º Festival Internacional Entes Animados que se celebrará a vindeira fin de semana, do 22 ao 24 de setembro. Ao longo destas tres xornadas, cinco compañías procedentes de Italia, Portugal e Alemania achegaranse até os concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Neda e Valdoviño para presentar os seus espectáculos que abranguen “desde o teatro de títeres de luva até a narrativa teatral máis engaiolante”. As compañías convidadas nesta nova edición de Festea son: Bambabambin (Italia), Fio d`Azite (Portugal), Historioscópio (Portugal), Luis Manitha (Portugal) e Marimbondo (Alemania/Portugal). En total ofrecerán 19 funcións, con entrada libre e de balde, nas que cada grupo amosará “a súa perspectiva única da arte teatral de títeres, achegando o público a un universo de emocións e reflexións”.
No que atinxe ao Concello de Fene, o Festival Internacional de Entes Animados 2023 comezará o venres 22 de setembro, ás 20.00 horas na ACRD O Pote de Maniños. Nesta primeira función, o protagonista será “Antón e o rato do Circo”, peza da compañía Marimbondo (Portugal/Alemaña). O espectáculo narra a historia dun rato que, ao facerse amigo dun pallaso, consegue salvar un circo. Función recomendada para nenos/as de máis de 4 anos e público familiar.
O sábado 23, o certame trasladarase ao loncal da AVV de Magalofes (20.00 horas), coa función de “Arlequinadas”, a cargo da compañía Bambabambin (Paolo Rech-Italia). O espectáculo recolle un repertorio de farsas da tradición italiana reunidas nun espectáculo que ten como protagonista a Arlequín e aos seus amigos da Comedia da Arte. Unha aventura na que o protagonista Arlequín debe enfrontarse a unha serie de peripecias para fuxir dos enganos de Brighella, das dentadas do seu can, dos consellos do doutor Balanzone, do brazo da lei … e ata da morte. Recomendada para + de 4 anos e público familiar.
Por último, o domingo haberá teatro en Sillobre, ás 13.00 horas, con “O segredo do río”, da compañía Fío d’Azeite (Portugal). É a historia dunha fermosa amizade entre un peixe e un rapaz. Unha historia pedagóxica que pode ser lida como unha parábola protagonizada pola humanidade e a natureza: se a humanidade (rapaz) trata a natureza (peixe) con amor, fidelidade e respecto no fondo como merece, a natureza é xenerosa. Recomendada para máis de 4 anos e público familiar.
En palabras do director artístico do festival, Plamen Di, “O Festival Internacional ENTES ANIMADOS 2023” representa unha celebración da diversidade teatral titiriteira e a unión de diferentes culturas a través da arte”. “Estamos emocionados de ofrecer unha experiencia teatral única que inspirará, entreterá e conectará ás comunidades locais”.
O Festival Internacional ENTES ANIMADOS naceu co propósito de achegar o teatro de monicreques a comunidades locais en pequenos núcleos urbanos. Cada ano, o festival presenta compañías de teatro de renome internacional, ofrecendo actuacións de alta calidade e promovendo a diversidade teatral de títeres. Trátase dun evento que salienta polo seu compromiso coa cultura e as artes”.
Toda a información sobre o ciclo na páxina en Facebook do certame: https://www.facebook.com/fesivalinternacionalentesanimados.