Xosé Carlos Carracedo Porto gañador da XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
30-10-2023
Xosé Carlos Carracedo Porto, nado en Santiago de Compostela en 1990, obtivo a XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Carracedo Porto, titulado Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscópicos de entre 64 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXVI edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
O autor galardoado é graduado en Maxisterio pola USC. Ten publicado un libro de relatos, Somos de Arxerís e o libro autobiográfico Diario dun confinamento.
O Xurado do certame, composto por Ana Varela Miño, Alba Cid e Anxo Mena, salientou da obra premiada que crea un universo propio no que se entrelazan tanto o mundo grecolatino como o do anime, a televisión e a cultura de masas, polo que transitan personaxes nun xogo de máscaras. Asemade, destacaron a súa arquitectura e o punto de vista anovador (irónico, fresco) co que o autor presenta algúns temas recorrentes da poesía galega dos últimos anos como a identidade ou a alienación da sociedade contemporánea.
Ana Varela Miño: tradutora e poeta nada en Narón, licenciada en tradución e interpretación na Universidade de Vigo, traballa como tradutora e intérprete no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A súa obra poética inclúe os títulos Asombrario (Premio Francisco Añón en 2017) e Onde nacen as hedras (Premio Gonzalo López Abente en 2019). É tradutora ao galego de textos de Edgar Allan Poe e relatos de Virginia Wolf. Tamén traduciu ao castelán poemas de Antía Otero.
Alba Cid: poeta ourensá, nada en 1989, graduada en filoloxía galega, portuguesa e románica na USC, é docente. O seu libro Atlas obtivo o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández. Publicou, ademais, Os danzantes dos reis, A faia de Ponto. Le roi de la Galice (con Estevo Creus e Maria João Worm), o ensaio Xela Arias. Para ser de todo e a obra Tesouro espeleolóxico galego (co Clube Espeleolóxico Maúxo).
Anxo Mena, oceanógrafo e poeta, nado en Carral en 1982. É doutor en ciencias do mar pola Universidade de Vigo, traballa no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo. obtivo o Premio Pérez Parallé no ano 2021 co libro Alimentar canarios con ovos da casa.