25 Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

25 Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

A violencia de xénero foi, e segue sendo, unha das manifestacións máis claras da desigualdade e subordinación nas relacións de poder dos homes sobre as mulleres. A violencia machista, violencia que vai máis aló da violencia de xénero dentro da parella ou expareja, abarca todas as violencias que se exercen sobre as mulleres polo feito de selo. A violencia sexual forma parte da vida diaria das mulleres.

Este ano 2023 estivo marcado pola chegada aos gobernos autonómicos e municipais da ultradereita, o alterou as bases da convivencia democrática, eliminando dereitos conquistados e instalando prácticas e discursos negacionistas da violencia de xénero.

1.235 mulleres foron asesinadas, a nivel estatal, e dende 2003, data na que se comezan a contabilizar os asasinatos por violencia de xénero e 51 no que levamos de ano. O número de menores que quedaron en situación de orfandade por esta violencia, ascende a 416 desde 2015, ano en que se comezan a contabilizar como vítimas directas, e 49 menores foron asasinados/as.

A estatística sobre abusos e agresións sexuais do Balance de Criminalidade do Ministerio do Interior, revela que en 2022 producíronse 17.389 delitos contra a liberdade sexual en España, 48 de media ao día. No caso de Galicia, o pasado 13 de outubro, o Observatorio de Violencia do Consello Xeral do Poder Xudicial facía públicos os datos máis recentes respecto da violencia contra a muller na estatística xudicial, que nos permiten ver unha parte da súa enorme dimensión, ao térense rexistrado no primeiro semestre de 2023 un total de 1707 denuncias. Pola súa banda, na Memoria 2023 (Exercicio 2022) da Fiscalía de Galicia, recónllese máis de 5.000 delitos incoados como violencia de xénero, e máis de 1.600 contra a liberdade e a indemnidade sexual.


Un dos ámbitos que máis preocupa ás persoas expertas é o do lecer, o ocio nocturno e o coñecemento de violacións e agresións sexuais en grupo e por parte de agresores mozos. Lamentablemente, no verán de 2023 coñecemos agresións sexuais múltiples a través dos medios de comunicación, que nos recordan a necesidade de avanzar, como é o caso da violación de dous agresores no Porriño a unha moza no contexto dunhas festas, ou a agresión sexual tamén cometida por dous mozos a unha moza nas festas de Monforte en agosto, e recentemente vimos de coñecer polos medios de comunicación outra agresión sexual múltiple en Sarria. Aínda que o Parlamento galego acordou en febreiro de 2023, impulsar un Protocolo específico para este ámbito, e a Xunta afirmou que estaría listo antes do verán, continúa sen estar activado.

A violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde e fronte a efemérides rituais e baleiras de contido, temos unha responsabilidade colectiva á hora de fixar novos compromisos, como adecuar as axudas á escalada de prezos e comprometer máis recursos, así como esixir o cumprimento daquelas cuestións que aínda están sen desenvolver da Lei galega contra a violencia machista, como é a atención psicolóxica na atención primaria.

Cando se fala de chegar a tempo diante a violencia de xénero, as leis son o marco, pero as concellerías de igualdade son as que aplican e garanten que a prevención, detección e atención ás vítimas sexan unha prioridade. Eliminar recursos e ferramentas para remover os obstáculos que impiden a igualdade, significa obviar as desigualdade estrutural que sofren as mulleres.

Por último, preocúpanos o aumento da violencia machista a través das redes sociais, e o desenvolvemento de aplicacións que poden atentar contra a integridade sexual, como os xa detectados de utilización de programas de Intelixencia Artificial simulando espidos de fotos de alumnas.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Fene, adopta os seguinte ACORDOS:

1.- Ratificar o compromiso firme do Concello de Fene, cos dereitos das mulleres e a erradicación de calquera tipo de violencia machista.

2.- Expresar o seu rexeitamento polo avance dos discursos negacionistas e banalizadores da violencia machista, diante o aumento dos feminicidios que estamos a vivir durante o 2022, así como o seu apoio ás demandas do feminismo galego e ás convocatorias impulsadas ao abeiro do 25 de novembro de 2023.

3.- Instar á Xunta de Galicia a incrementar os recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero, do proxecto de orzamentos de 2024, de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total, e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, en aspectos como a atención psicolóxica na atención primaria (artigo 25), e se avance en medidas concretas, tales como elevar as contías da prestación periódica (artigo 39), para actualizalas conforme ao incremento do IPC.

4.- Instar ás Administracións competentes a:
a) Incrementar os esforzos na prevención e na loita contra a violencia sexual, acelerando os traballos encamiñados ao cumprimento dos acordos parlamentarios en materia de aprobación e aplicación dun protocolo de prevención e intervención fronte agresións sexuais no marco do ocio nocturno e impulsando no curso 2023/2024 unha campaña específica sobre a violencia sexual e os recursos no ámbito do ensino secundario e universitario para espallar o seu coñecemento entre a poboación máis nova.

b) Impulsar as medidas necesarias para garantir a prevención, detección e intervención en casos de violencia de xénero.

5.- Demandar da Xunta de Galicia a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos CIM a través das seguintes medidas:

5.1- O incremento da achega económica do programa de axudas e subvencións de apoio aos CIM, co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM, facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados.

5.2- A contía económica máxima que a Xunta de Galicia achegará para o financiamento dos CIM, a través da liña de axudas anual, terá en conta a fixación de ratio mínimas de persoal, que deberán estabelecerse en función do número de mulleres potencialmente usuarias do servizo, así como a contratación a xornada completa, como mínimo, de todo o persoal que sexa obrigatorio para a acreditación do CIM. Así mesmo, o Programa de apoio aos CIM procurará que o orzamento garanta, non só o pagamento dos custes de persoal e de mantemento, senón tamén o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e a promoción da igualdade.

5.3 Impulso das actuacións necesarias para que a normativa que regula os CIM, amplíe o persoal mínimo para a acreditación dos centros, para incorporar novos perfís profesionais, nomeadamente, persoal técnico en igualdade e persoal administrativo.

Fene, 19 de outubro de 2023.-