A conferencia do doutor en Física Héctor Álvarez Pol inaugura este xoves a terceira edición de Contando Ciencia
13-11-2023
Co relatorio “Do corazón da materia ao interior das estrelas”, a cargo do doutor en Física Héctor Álvarez Pol, comeza este xoves, 16 de novembro, unha nova edición do ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. O programa botou andar hai dous anos e retoma agora a súa actividade “co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía”. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
Graduado e doutor en física pola USC, Héctor Álvarez Pol é profesor títular da USC. A súa carreira científica ten relación principalmente coa análise de detectores de partículas nucleares e físicas e coa análise de reaccións nucleares con núcleos exóticos (ofrecendo acceso á información sobre estruturas nucleares e as súas dinámicas; desenvolvemento de estruturas computacionais para a simulación e adquisición de datos; e análise do resultado destes experimentos). É autor de numerosas publicacións relacionadas con este contido.
Trala cita deste xoves, o ciclo Contando Ciencia continuará o xoves 14 de decembro, cunha conferencia de Inés Sánchez Sellero, doutora en Medicina e Cirurxía, sobre a "Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa".