Contos e música para festexar o Nadal no Concello de Fene

O programa que organiza a Concellería de Cultura pechará coa tradicional Cabalgata das SSMM Os Reis Magos

Contos e música para festexar o Nadal no Concello de Fene

Os nenos e nenas que queiran acompañar a Melchor, Gaspar e Baltasar no seu percorrido polo concello poderá inscribirse a partir do 18 de decembro

Tralo acendido das luces de Nadal e logo do anuncio dunha nova Festa de Fin de Ano, o Concello de Fene desvela hoxe as principais citas culturais para as festas que comezan nuns días. Cinco espectáculos para público infantil ou familiar, a visita do Apalpador aos centros de ensino de Infantil e Primaria ou o Festival de Panxoliñas, son algúns dos atractivos dun programa ao que porá o colofón, como é tradicional, a Cabalgata e a recepción real das SSMM Os Reis Magos de Oriente. Os nenos/as (entre 6 e 12 anos cumpridos) que queiran participar como paxes reais na Cabalgata, poderán apuntarse do 18 ao 29 de decembro no Rexistro Xeral do Concello (folla de inscrición dispoñible en www.fene.gal). O aforo é moi limitado e a inscrición realizarase por orde de solicitude. Por outro lado, desde a Concellería de Cultura tamén avanzan que, do 18 de decembro de 2023 ao 5 de xaneiro de 2024 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello.

A continuación detállanse as actividades organizadas para o Nadal 2023-24 no Concello de Fene.

Mércores 13 e xoves 14 de decembro. Visita do Apalpador (Anxo Moure) ao alumnado de Ed. Infantil e 1º de Ed. Primaria dos centros escolares de Fene

Cun perfil naturalista, o noso apalpador busca divulgar a riqueza cultural, etnográfica, ambiental, e lingüística das montañas galegas desde a Serra Do Courel até os montes de Trevinca (onde lle chaman o Pandigueiro), fomentando a ecoloxía, a comida sa, a música tradicional…

Xoves 14 de decembro, ás 18.00 horas, na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé. Espectáculo “Cucú, musical para bebés”, con María Faltri e Jorge Juncal.

Cariño, confort, descanso, experiencias sensoriais, emoción e diversión en familia. Unha sesión ideada para transcorrer polo universo da crianza, pasando dunha sensación a outra coa naturalidade coa que medramos a cada paso que damos. María Faltri e Jorge Juncal dan vida a este espectáculo pensado para a primeira infancia. Cucú é unha selección das cancións do libro disco Fantasía coas Palabras que mellor acolle as necesidades dos primeiros anos de vida dos nosos protagonistas, os bebés.

Espectáculo recomendado para nenos/as ata 4 anos. Aforo limitado. Reserva de prazas na Biblioteca de Fene, do 11 ao 13 de decembro, no teléfono 981 342 302.

Venres 15 de decembro, ás 18 horas, no salón de actos da Casa da Cultura. Espectáculo “Cacho animalada”, con Vero Rilo.

“Cacho animalada” é unha sesión de narración oral e música para público infantil e as súas familias. A narradora Vero Rilo acompáñase desta vez da guitarra, da voz (e outros trebellos) do multifacético Luis Iglesias. Aventúranse xuntas nun camiño diverso, transitado por contos da nosa tradición oral, versións libres e revisitadas dos Contos de Fadas de Ángela Carter, contos de autor/a que xa son clásicos da literatura e álbum ilustrado infantil… Todo o repertorio vai da man da música, da alegría, dos animais e, por que non?, de certas animalas…

Función recomendada para público familiar. Entrada de balde, sen reserva, até completar aforo.

Sábado 16 de decembro, ás 20.00 horas, no CCRD de Perlío. XXI Festival de Panxoliñas “Concello de Fene”

Contará coa participación da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, Coral Polifónica O Pote de Maniños, Tradicoro, Rondalla Estrelecer e Rondalla Perla del Río. Entrada libre e de balde, sen reserva previa. Organiza o CCRD de Perlío.

Martes 26 de decembro, ás 12.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Espectáculo “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz”, a cargo de Fantoches Baj.

Ramón Sanfiz, aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da mariña, disponse a percorrer un novo itinerario co seu triciclo. No encontro co público, cóntalles a viaxe que realizou desde a súa vila natal ata San Andrés de Teixido fiando diferentes historias que aprendeu dos habitantes que atopou polo camiño. Esta nova produción de Fantoches Baj está baseada en Galicia, o libro de crónica de viaxes de Francisco Fernández del Riego no que o autor trazou unha ducia de itinerarios singulares percorridos polo seu alter ego: Ramón Sanfiz. Unha proposta onde a narración vai acompañada de música, monicreques, romances de cego e outras técnicas de teatro de rúa.

Sesión dirixida ao público familiar (recomendada para maiores de 5 anos). Entrada de balde, sen reserva, até completar aforo. Actividade incluída no programa “Nadal en Rede”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Mércores 27 de decembro, ás 19.00 horas, no CCRD de Perlío. Espectáculo “Frida”, a cargo da compañía “A cova das letras”

“Frida” é unha peza dirixida ao público familiar na que, a través do corpo en movemento, títeres e obxectos poñemos en valor o poder transformador da arte. Reconstruímos cadros vivintes a través da danza e movemento de obxectos, onde a música xoga un papel fundamental. Trátase dun espectáculo poético, colorido e con moita, moita vida. Dirixida ao público familiar (recomendada maiores de 6 aos).
Entrada de balde, sen reserva, até completar aforo.

Xoves 28 de decembro, ás 12.30 horas, na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé. A compañía Trémola Teatro presenta “Brilla, brilla”.

Teatro sensorial para bebés. A estreliña Vela está moi triste porque aínda non aprendeu a brillar, pero grazas á axuda da súa amiga Lyra e do montón de cousas divertidas que lle levou para xogar, poderán conseguir que Vela brille por fin?

Función recomendada para nenos/as ata 4 anos. Aforo limitado. Reserva de prazas na Biblioteca do 22 ao 27 de decembro, no teléfono 981 342 302.

Venres 5 de xaneiro, a partir das 17.30, con saída do CCRD de Perlío (r/ San Salvador). Cabalgata das SSMM Os Reis Magos de Oriente.

A comitiva percorrerá a Avda. Marqués de Figueroa e a Avda. Naturais con remate na Praza do alcalde Ramón J. Souto González onde as SS.MM Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán a todos os nenos/as que desexen coñecelos e trasladarlles as súas peticións.

Os nenos/as que teñan entre 6 e 12 anos (cumpridos) e queiran participar como paxes reais na cabalgata, poderán anotarse do 18 ao 29 de decembro no Rexistro Reral do Concello de Fene (ficha de inscrición dispoñible en www.fene.gal). Inscrición por orde de presentación de solicitudes. Aforo moi limitado.

Ademais, desde a Concellería de Cultura lembran que, do 18 de decembro ao 5 de xaneiro, estará instalada a Caixa de Correo Real na planta baixa da Casa do Concello.

Organiza: Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)

Máis información:
Tlf.: 981 340 366
cultura.deportes@fene.gal
www.fene.gal

Descargas