Na derradeira semana do ano representaranse tamén os espectáculos “Frida” no CCRD de Perlío e “Brilla, brilla” na biblioteca
O martes 26 de decembro Fantoches Baj contará “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” na Casa da Cultura
22-12-2023
Ramón Sanfiz, aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da mariña, disponse a percorrer un novo itinerario co seu triciclo. No encontro co público, conta a viaxe que realizou desde a súa vila natal ata San Andrés de Teixido fiando diferentes historias que aprendeu dos habitantes que atopou polo camiño. Con este punto de partida, Fantoches Baj relatará en Fene “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” o vindeiro martes, 26 de decembro, ás 12 horas, no salón de actos da Casa da Cultura. Sesión dirixida ao público familiar (recomendada para maiores de 5 anos). A entrada será libre e de balde, sen reserva, até completar aforo. Actividade incluída no programa “Nadal en Rede”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
“A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” está baseada en “Galicia”, o libro de crónica de viaxes de Francisco Fernández del Riego no que o autor trazou unha ducia de itinerarios singulares percorridos polo seu alter ego: Ramón Sanfiz. Unha proposta onde a narración vai acompañada de música, monicreques, romances de cego e outras técnicas de teatro de rúa.
Trala cita do martes con Fantoches Baj, a programación organizada pola Concellería de Cultura de Fene para o Nadal continuará o mércores 27 de decembro, ás 19 horas, no CCRD de Perlío co espectáculo “Frida”, a cargo da compañía A Cova das Letras.
“Frida” é unha peza dirixida ao público familiar na que, a través do corpo en movemento, títeres e obxectos poñemos en valor o poder transformador da arte. Reconstruímos cadros vivintes a través da danza e movemento de obxectos, onde a música xoga un papel fundamental. Trátase dun espectáculo poético, colorido e con moita, moita vida.
A función irá dirixida ao público familiar (recomendada maiores de 6 aos) con entrada de balde, sen reserva, até completar aforo.
E para completar a semana, o xoves 28 de decembro, ás 12.30 horas, a compañía Trémola Teatro presentará Brilla, brilla na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé. Función recomendada para nenos/as ata 4 anos. Aforo limitado. Reserva de prazas na Biblioteca até o 27 de decembro, no teléfono 981 342 302.
“Brilla, brilla” é un espectáculo de teatro sensorial para bebés. A estreliña Vela está moi triste porque aínda non aprendeu a brillar, pero grazas á axuda da súa amiga Lyra e do montón de cousas divertidas que lle levou para xogar, poderán conseguir que Vela brille por fin?
Organiza: Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)