Presentación do libro “Alicerces teatrais en Galiza”, de Paco Oti, na SCRD Agarimo de Sillobre

Presentación do libro “Alicerces teatrais en Galiza”, de Paco Oti, na SCRD Agarimo de Sillobre

O mércores 17 de xaneiro, ás 20 horas, preséntase en Sillobre o libro “Alicerces teatrais en Galiza; unha achega de fontes, fundamentos e feitos (1952-1975)”, do técnico en xestión teatral Francisco Oti. O acto contará coa participación, xunto co autor, da afeccionada ao teatro e veciña de Sillobre Teresa Carballido Salgado, e do concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá. A entrada será libre e de balde até completar o aforo.

“Alicerces teatrais en Galiza; unha achega de fontes, fundamentos e feitos (1952-1975)” recolle a actividade teatral en Galiza entre 1952 e 1975; unha época difícil, marcada pola ditadura e a censura, na que o noso teatro renace de vagar para coller forza ata ser o que hoxe é. Polo que, en palabras do autor, “este traballo serve para definir a nosa historiografía teatral e a relación desta con outros fenómenos teatrais como o movemento do Teatro Independente na península ibérica”.

En “Alicerces teatrais en Galiza” o autor dá cumprida información da actividade teatral de xeito panorámico; tendo en conta a todos os axentes que interveñen no feito. Polo tanto, pódense atopar no volume datos de escrita, edición, lecturas, dirección, posta en escena, estreas, montaxes, artigos, revistas especializadas e outras actividades teatrais que nos axudan a ter unha visión máis cumprida da actividade teatral aquí, e tamén da presenza do Teatro Galego fóra.

Con estes datos “podemos deducir a importancia e o rol que o teatro tivo na sociedade galega e no rescate e recuperación do idioma e cultura propios; e como iso axudou a configurar o que demos en chamar “O Novo Teatro Galego”.

Francisco Oti Ríos

Titulado Superior en Dirección de Escena e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Entre os libros que ten publicados, salientan:

  • Deseñando horizontes. Situación actual, orixe e planificación do futuro do teatro galego, (co-editor) (CCG-AGT, 2022).
  • «De congresos, encontros e outras primeiras historias» (Erregueté, 2020).
  • «A Mostra de Teatro Infantil Galego “Xeración Nós”» (Ferrol Análisis, 2020).
  • O Novo Teatro Galego en Perlío: O Teatro Círculo e Tagallo (Invasoras, 2018).
  • «Dramaturxia de Ferrol. O Grupo Autónomo de Lectura de Obras (GALO)» (Madrygal, 2018).
  • «Teatro do Noroeste. Historia cíclica dunha compañía» (2017).
  • «Teatro, carteis e cómic na Galicia dos anos setenta» (Madrygal, 2016).
  • Xestión de proxectos e produción de espectáculos (Galaxia, 2006).
  • Teoría e técnica teatral (co-autor) (Laiovento, 1997).
  • Teatro, o xogo de sempre (dir. e co-autor) (Xunta de Galicia, 1987).

Teatro:

  • Archivos de realidad (Tradución) / Arquivos de Realidade (Invasoras, 2021) con Julio Fernández.
  • «Unha cuestión familiar» (Dramaturga-Invasoras, 2020).
  • Arquivos de Realidade (Erregueté, 2018) con Julio Fernández.
  • Lingua de lata (Edita T/Invasoras, 2014 [2018]) con Julio Fernández.
  • «Una cuestión familiar» (Q-book, 2017).
  • «Segundo Ricardo Terceiro» (Revista Núa, 2013).

Máis información:
Tlf.: 981 340 366
cultura.deportes@fene.gal
www.fene.gal