O historiador Guillermo Llorca participa esta tarde na primeira sesión do Club de Lectura da biblioteca de Fene
31-01-2024
Sobre o libro Cuando estalló la noche. El enemigo no sospechaba, de Guillermo Llorca, xirará a primeira sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene que se reúne esta tarde, de 18.00 a 19.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste primeiro encontro.
Cuando estalló la noche. El enemigo no sospechaba é un thriller policíaco inspirado en acontecementos reais. A historia encádrase na II Guerra Mundial cando as tropas de Hitler acaban de ocupar Francia e se extenden de xeito imparable por outros lugares do continente. Neste contexto, o Special Intelligence Service, recluta por orde do primeiro ministro británico, Winston Churchill, a unha serie de persoas da vida civil para que se formen como espías e operen clandestinamente en diferentes lugares da Europa ocupada e da España de Franco.
Unha delas é Thomas Laughton Oliver, o protagonista, estudante de Cultura Clásica na Universidade de Cambridge, que logo da súa intensa formación como axente segredo nunha mansión nas Terras Altas de Escocia, é enviado ao Ferrol do Caudillo. Na Base Naval da cidade departamental permanece amarrado o buque nodriza alemán Max Albrecht para abastecer de alimentos e combustibles aos sumerxibles U-Boots daa Kriegsmarine, a Mariña nazi, que logo de torpedear barcos aliados por augas do Atlántico, atopan refuxio nese lugar estratéxico do litoral de Galicia, contando coa complicidade das autoridades do réxime de Franco. A misión do espía será pasar información segreda á Embaixada británica en Madrid.
A novela, narrada con ritmo cinematográfico, ofrece tamén un retrato sociolóxico da cidade onde aínda perviven as pegadas da dura represión franquista logo da victoria do Alzamento militar de 1936 e a miseria económica da posguerra.
O Club de Lectura da Biblioteca de Fene ten carácter mensual, realizándose as xuntanzas un mércores ó mes, de xaneiro a maio de 2024, en horario de tarde, de 18.00 a 19.30 horas. Para cada encontro proponse algún libro de temática e xéneros variados (novela romántica, thriller, novela da vida cotiá...), tanto en galego como en castelán. Trala xuntanza deste luns, o vindeiro encontro será o 28 de febreiro.
Máis información:
Tlf.: 981 340 366
cultura.deportes@fene.gal