Día de Rosalía 2024

O Concello de Fene lembra á nosa escritora galega máis universal na conmemoración do nacemento da poetisa

Día de Rosalía 2024

Sumándose ao chamamento que todos os anos fai por estas datas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Concello de Fene festexará este xoves, 22 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro cun espectáculo familiar co que se pretende achegar ás novas xeracións a figura da nosa autora máis internacional. Contando con Rosalía, de Marisa Irimia, representarase o xoves ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Función recomendada para nenos/as de 4 a 11 anos.

“Contando con Rosalía” é un achegamento á poesía e á narración oral dun xeito lúdico, divertido e saboroso. Rimas, poesías e contos para festexar o aniversario do nacemento da escritora o 23 de febreiro de 1837.

“Rosalía lía baixo unha árbore cando, de súpeto,
unha xigantesca raposa saltou sobre ela e atrapouna.

-Ai, vou facer sopa de Rosalía! -dixo a raposa.

A raposa meteu a Rosalía nunha pota pero… esa sopa non vai
saber a nada. Non leva nin poesías nin contos!! Para que estea
boa, a sopa TEN QUE LEVAR POESÍAS E CONTOS…!!”

Desde a Concellería de Cultura anímase á veciñanza a festexar este venres o Día de Rosalía, agasallando un libro en lingua galega e unha flor a amigos/as e familiares. A víspera, aproveitando a actuación de Maria Irimia na Casa da Cultura, repartiranse marcapáxinas en homenaxe a Rosalía de Castro a todas as persoas que asistan á actividade.