Segunda xuntanza do Club de Lectura da biblioteca de Fene con presenza do autor protagonista, Rober H.L. Cagiao
27-02-2024
Sobre o libro Entroido, de Rober H.L. Cagiao, xirará este mércores a segunda sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene. A xuntanza desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 17.00 a 18.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste novo encontro.
En Entroido, o asasino do martelo sembra o pánico en Galicia a comezos do século XXI. Dúas décadas máis tarde a filla da súa derradeira vítima, a inspectora Lola Xallas, é a encargada de investigar o asasinato do empresario catalán Tony Torres, en Barcelona. Alí coñecerá a Olvido, xornalista e principal sospeitosa, e comezará unha carreira na que o pasado retornará enmascarado entre traizóns, mentiras e unha caza mortal. Co son do chifre arrancará o Entroido e os peores pesadelos voltarán para enfrentala á verdade.
Rober H.L. Cagiao (Bañobre, 1976). Autor da saga de El Guardián de las Flores e Misterios de Ferrolterra. Desde moi pequeño as letras e os libros foron o seu refuxio, sen embargo, rematou deixando a literatura de lado para adicarse á música durante quince anos, sacando dous discos co grupo heavy metal Trashnos. Non foi ata 2019 cando retomou a escrita e fíxoo da man das lendas do Eume, con El Guardián de las Flores, con máis de sesnta mil copias vendidas. Despois chegaron oito libros máis da comisaria Paola Gómez e o inspector Costoya por toda Galiza e catro de Ferrolterra. Un dos soños do autor era publicar en galego e, por fin, faise realidade con Entroido.
O Club de Lectura da Biblioteca de Fene ten carácter mensual, realizándose as xuntanzas un mércores ó mes, de xaneiro a maio de 2024, en horario de tarde, de 18.00 a 19.30 horas. Para cada encontro proponse algún libro de temática e xéneros variados (novela romántica, thriller, novela da vida cotiá...), tanto en galego como en castelán. Trala xuntanza deste mércores, o vindeiro encontro será o 20 de marzo.