Moción de apoio ás reinvidicacións dos colectivos feministas con motivo do 8M
Declaración instituacional do 8m aprobada por unanimidade no pleno do 7 de marzo de 2024
08-03-2024
Cada 8 de marzo o movemento feminista internacional sae á rúa para reivindicar a igualdade de dereitos das mulleres, conseguindo nos últimos anos desenvolver mobilizacións absolutamente históricas.
O apoio en Galiza a todas as mobilizacións feministas foi multitudinario, o que demostra a fortaleza do movemento feminista galego, por iso hoxe, desde aquí, desde o Concello de Fene, facemos un chamado a todas as veciñas e veciños para que este ano tamén se conten por miles as persoas que esiximos a construción dunha sociedade máis xusta, e se sumen ás convocatorias que se farán en toda a comarca.
Somos conscientes de que o mundo vive un momento de profundas transformacións sociais e económicas, e que historicamente cada crise foi aproveitada polo patriarcado para se fortalecer. Hoxe en día, malia os avances que temos conquistado, estamos a ver como os dereitos tamén se pode perder. O cuestionamento da existencia da violencia machista cando estamos a ser asasinadas ou violadas, o cuestionamento dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, ou o intento de normalizar que sexan os nosos lombos os que soportan a degradación dos servizos públicos son perigos vixentes. Ademais, vivimos nos últimos meses acontecementos e indicadores preocupantes no ámbito do lecer, do deporte ou das condicións das traballadoras que dependen de contratas públicas.
Non debemos dar nin un só paso atrás, senón que a Galiza que vén precisa pasos adiante para avanzar en igualdade, medidas que aborden a educación en igualdade nos e nas máis novas, medidas que supoñan avances nos dereitos laborais e na mellora dos recursos contra a violencia machista.
Ante a nova constitución do Parlamento Galego, é preciso sermos esixentes en materia de igualdade, e esixir que as políticas públicas establezan o seu centro de gravidade nas reivindicacións do feminismo galego.
Polas que foron, polas que son e polas que serán. Para todas, todo.
Para o Concello de Fene traballar a prol dos dereitos das mulleres é, e debe seguir sendo, un compromiso traballar a prol dos dereitos das mulleres, un compromiso que atravesa todas as áreas e todas as políticas do goberno, e seguiremos traballando nesa liña para conquistar a igualdade plena, e aquí estaos para reivindicar a necesidade de seguir loitando para avanzar da man do feminismo, porque cando o feminismo avanza, ninguén queda atrás.
Por todo o exposto sometemos a debate e votación a proposta da adopción do seguinte
ACORDO:
1.- A través todas as canles ao alcance do Concello de Fene, apoiar, recoñecer e difundir as convocatorias do feminismo galego autoorganizado, que neste 2024 sinalan os compromisos pendentes e incumpridos por diferentes institucións e ámbitos de responsabilidade, e colocan novamente no centro do debate político e social as consecuencias, para as mulleres galegas, do sistema económico, social e político, agravadas polo impacto da pandemia da crise de prezos, e expresar o compromiso desta corporación para traballar contribuíndo a superar esta situación.
2.- Esixir do novo goberno da Xunta estas medidas urxentes para avanzar en igualdade:
a) Apostar pola igualdade no ensino, recuperando a oferta da materia de igualdade de xénero, eliminada no curso 2023-24, para o vindeiro curso, e apostando pola formación transversal do persoal educativo en materia de igualdade e para o respecto á diversidade afectiva sexual; estender e asegurar protocolos contra o acoso lgtbifóbico e a inclusión da diversidade sexual e de xénero nos programas docentes.
b) Impulso dunha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas sufragadas total ou parcialmente por parte da Xunta de Galiza, de cara a blindar o cumprimento dos convenios colectivos, eliminar a fenda salarial e mellorar as súas condicións de traballo, singularmente en ámbitos especialmente sensibles, como o da limpeza.
c) Impulso dunha lei de igualdade no deporte, na que se incorporen, entre outras medidas, a creación da Comisión Galega de Igualdade no Deporte para a protección das deportistas sobre os ataques machistas e lgtbfóbicos e que contará con potestade sancionadora; o Observatorio Galego da Igualdade no Deporte, protocolos específicos, plans de conciliación familiar e fomento da visibilidade do deporte feminino nos centros educativos e nos medios audiovisuais, en especial no que ten a ver coa CRTVG.
3.- Que o Concello de Fene, no marco das súas competencias:
a) Fomente os plans de conciliación, modelos alternativos de coidados e a relación das mulleres no tecido económico laboral.
b) Continuar a fomentar a colaboración coas Asociacións do Concello, co obxectivo de promocionar a igualdade en todos os seus eidos.
c) Aumentar gradualmente a partida dos orzamentos municipais adicada a políticas para alcanzar a igualdade efectiva entre mulleres e homes, e facer análise con perspectiva de xénero do orzamento, que permita identificar desigualdades.
d) Continuar coa implementación de accións en escolar de primaria e secundaria, que traten a importancia do respecto mutuo e a igualdade de xénero dende unha idade temperá, tales como a organización de talleres e conversas interactivas que desafíen os estereotipos de xénero, e fomenten a reflexión crítica sobre o machismo, entre mozos e mozas, e establecer espazos seguros e accesibles onde poidan falar abertamente temas relacionados có machismo, compartir experiencias e recibir apoio.
4.- Dirixirse ó Goberno do Estado para que incremente os fondos do Plan Corresponsables, para adecuar as accións ás necesidades reais da sociedade, co obxectivo de chegar á maior poboación posible.