Nova sesión do Club de lectura da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé
20-03-2024
Con máis de sesenta mil exemplares vendidos da súa obra e co recente Premio Xerais acadado pola súa última novela, Nadie contará la verdad, o autor Pedro Feijoo consolídase coma un dos autores máis sólidos da narrativa galega. E esta tarde, de 18.00 a 19.30 horas será o protagonista dunha nova sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene.
Nadie contará la verdad é unha novela minuciosamente documentada, osada e adictiva, un texto de absoluta actualidade sobre a corrupción política e as súas consecuencias. Conta a historia de Marosa Vega, unha talentosa xornalista que é despedida polo seu inquebrantable compromiso coa verdade e que acepta un encargo moi especial dun antigo compañeiro. Salva Lamas pídelle axuda para destapar un caso de corrupción política que afecta ao presidente da Xunta de Galicia e que está deixando unha morea de vítimas.
Constructores, banqueiros, avogados, altos cargos políticos, directivos de medios de comunicación... Todos teñen participación e obteñen beneficios da administración pública, "a verdadeira máquina", como eles mesmos a chaman. A súa ambición é absolutamente desmedida e son capaces de calquera cousa, por terrible, violenta e destructiva que sexa, con tal de conseguir o que lles corresponde pola súa colaboración en favor do partido político no poder. Gañarán unha vez máis e coma sempre os poderosos ou hai algunha posibilidade de que esta vez alguén consiga desenmascaralos?
O Club de Lectura da Biblioteca de Fene ten carácter mensual, realizándose as xuntanzas un mércores ó mes, de xaneiro a maio de 2024, en horario de tarde. Antes de cada sesión, a biblioteca proporciona ás persoas anotadas (un total de catorce) un exemplar do libro que van comentar para que o poidan ler previamente.