Máis de 600 estudantes participaron en Fene nunha nova edición das Xornadas de Atletismo Divertido
A actividade ten por obxectivo iniciar ás nenas e nenos no atletismo dun xeito lúdico e divertido
03-05-2024
As Xornadas desenvolvéronse no Pavillón A Xunqueira de San Valentín pola previsión meteorolóxica
Un total de 611 nenas e nenos de Fene participaron esta semana nunha nova edición das Xornadas de Atletismo Divertido, organizadas pola Concellaría de Deporte para introducilas nas diferentes modalidades do atletismo dun xeito lúdico e divertido. A actividade, que inicialmente estaba prevista para se desenvolver na pista de atletismo do Pazo -en Barallobre- trasladouse ao Pavillón A Xunqueira de San Valentín pola previsión metrolóxica.
As crianzas foron organizadas en grupos para percorrer un circuíto formado por seis estacións: carreira de velocidade e vallas; salto cos pés xuntos; lanzamento de peso e precisión; lanzamento de xavelina; salto de altitude con carreira e salto lateral tesoira.
Na primeira das xornadas, celebrada o xoves 2 de maio, participou o alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria dos cinco colexios feneses (CEIP O Ramo, CEIP Centieiras, CEIP Os Casais, CPI A Xunqueira e Colexio Jorge Juan de Perlío), mentres que este venres foi a quenda das nenas e nenos de 4º, 5º e 6º dos mesmos centros.
O concelleiro de xuventude e deporte de Fene, Adán Chao, cualificou de “ éxito rotundo” esta nova edición do Atletismo Divertido, e puxo en valor o encontro “para introducir ás nenas e nenos no atletismo e xuntar ao alumnado dos diferentes centros educativos do noso concello nunha xornada de convivencia arredor do deporte”.
De cara futuras edicións do Atletismo Divertido, Chao avanza que desde a área de deportes que dirixe traballarán para “tratar de ampliar nunha xornada extra para facer grupos máis reducidos que permitan mellorar a rateo do alumnado participante”.
A actividade, organizada e financiada polo Concello de Fene, conta coa colaboración do programa XOGADE, que asumiu o transporte do alumnado desde os centros educativos até o lugar de celebración das xornadas.