Proxección do filme de Pablo Lago Dantas “O auto das ánimas” na Casa da Cultura de Fene
13-05-2024
O auto das ánimas é a primeira longametraxe de Pablo Lago Dantas como director, logo dunha dilatada traxectoria como director de fotografía. Rodada en Redondela e Pontesampaio, a película propón unha volta ás orixes, aos rituais e á familia. Un encontro “co seu lugar de orixe, no que mediante a sutil combinación das súas raigames galegas con mitos e rituais, agrega capas de profundidade ao mundano e ao cotiá”. O filme proxéctase este xoves, 16 de maio, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Fene, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
Nunha pequena aldea de Galicia, Redondela, a familia de Pablo vive apegada ás súas antigas tradicións e crenzas. Sentindo que non encaixaba neste mundo, Pablo marchou fai vinte anos para comenzar outra vida lonxe de todos eles. Pero, á medida que tanto el como a súa familia van envellecendo, unha sensación inquieta nel comeza a facerse máis forte. No tempo do augardente, a familia reúnese e intúen que quizais xa non lles queda moito tempo. Unha historia de memorias, identidade, rituais e reencontros.
Segundo o director, Pablo Lago, “esta é a terra da que proveño. A miña familia non fala demasiado, tal vez por iso non son tan bo coas palabras. As imaxes son a miña linguaxe. Estiven traballando como director de fotografía durante case 20 anos. Agora, esta experiencia permíteme mirar as miñas raíces desde un punto de vista diferente”.
Tralo seu paso polas salas de cinema de Galicia e cinemas comerciais, “O auto das ánimas” está a proxectarse en diferentes concellos da provincia da Coruña gracias ao apoio da Deputación da Coruña