O Concello de Fene abre o prazo de inscrición para a I Milla Popular Interxeracional que sustitúe á tradicional proba escolar
14-05-2024
O domingo 26 de maio é a data escollida pola Concellería de Deportes de Fene para a celebración da I Milla Popular Interxeracional Concello de Fene, proba que combina a tradicional milla escolar, na que podían participar nenos e nenas a partir dos tres anos, cunha milla para maiores, aberta a persoas de todas as idades, tanto de Fene coma doutros concellos. As carreiras comezarán as 11.00 horas na Avenida do Mar de San Valentín e paseo marítimo aínda que, no caso de choiva, as de categorías escolares (desde prebiberón 1, aula de 3 anos, ata cadete, aulas de 3º e 4º da ESO) traladaranse ao pavillón da Xunqueira, manténdose o resto de carreiras no circuito exterior (categorías sub 23, Senior e Máster).
As inscricións son de balde e poden formalizarse até as 13:00 horas do día 21 de maio: presencialmente, no Departamento de Cultura e Deportes, en Avda. Naturais, núm. 44, entrechán, Fene; por correo electrónico, enviando a ficha de inscrición que figura na páxina web do Concello www.fene.gal a cultura.deportes@fene.gal; e, no caso dos centros de ensino, enviando a relación de alumnado participante ao correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou entregando o listado presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes. Tamén se recollerán inscricións individuais o mesmo día da carreira de 9:30 a 10:30 horas.
En canto á retirada de dorsais, o Concello de Fene establece as seguintes datas e horarios: para os centros de ensino, desde o día 23 de maio ás 10:00 horas no Departamento de Deportes do Concello de Fene; para os/as participantes individuais, o venres 24 de maio, no Salón de Plenos do Concello de Fene de 17:00 a 20:00 horas, o sábado 25 de maio na tenda de deportes Decathlon de Ferrol (sección atletismo) de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, ou o domingo 26 de maio, de 9:30 a 10:30, h. na zona de saída das carreiras.
Segundo informa a Concellería de Deportes, as distancias a percorrer nesta I Milla Popular Interxeracional variarán segundo as idades e categorías dos participantes, oscilando entre os 50 e os 800 metros, nas carreiras escolares, e a milla (1600 metros) que correrán as persoas que se inscriban nas novas categorías, a partir de Sub-23.
A duración estimada total das carreiras será de dúas horas, comezando a proba polas categorías inferiores e rematando pola categoría máster, a de participantes con maior idade.
Como novidade, con respecto á Milla Escolar tradicional, todos os participantes en idade escolar recibirán medallas (non haberá trofeos para os primeiros clasificados). E nas carreiras con maior participación, formaranse grupos reducidos que sairán en diferentes quendas para evitar aglomeracións e posibles caídas.
En canto ás carreiras de maiores, tal e como se indica nas bases, entregaranse medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría, a partir de Sub23. Ademais, haberá trofeos para o campión e para a campioa absolutos da Milla.
Máis información na páxina web do Concello de fene: www.fene.gal ou no teléfono do Departamento de Cultura e Deportes: 981 34 03 66 ou 607 615 962.
Descargas
- Regulamento I Milla Popular Interxeracional Concello de Fene
- Ficha de inscrición idade escolar (clubs, colexios, etc.) I Milla Interxeracional Concello de Fene
- Ficha de inscrición maiores (clubs) I Milla Interxeracional Concello de Fene
- Ficha de inscrición individual I Milla Interxeracional Popular Concello de Fene