Brincadeira Pirata para festexar o Día das Letras Galegas na biblioteca municipal de Fene

Brincadeira Pirata para festexar o Día das Letras Galegas na biblioteca municipal de Fene

Teatro Calavera

“Yo-Ho!” É así como soa a risa pirata… e anuncia que a diversión está asegurada o vindeiro martes, 21 de maio, ás 18 horas na Biblioteca Xosemaría Pérez Parallé. O espectáculo titulado Brincadeira Pirata está protagonizado por Lorena Vales e Marian Rei, de Teatro Calavera, e vai dirixido a público infantil e familiar. Entrada libre e de balde até completar o aforo.

Brincadeira pirata é un xogacontos no que as famosas piratas Mary Read y Anne Bonny atopan o mapa dun tesouro, un mapa que terán que descifrar e que as levará a vivir unha marabillosa aventura na súa procura. Trátase dun conto participativo no que, a través de xogos musicais e bailes, as nenas e nenos serán os protagonistas. Converténdose en audaces piratas vivirán unha gran aventura nunha Illa tan misteriosa como perigosa. Serán capaces estes filibusteiros e estas filibusteiras de atopar o gran tesouro?