As mulleres de Fene reivindican o dereito a desfrutar dunha vida saudábel
Ao longo desta semana estanse a difundir pílulas informativas sobre temas como a fibromialxia, a nutrición, o embarazo e lactancia, xénero, carga familiar e só pélvico.
28-05-2024
Esta mañá celebrouse unha andaina reivindicativa que rematou coa lectura dun manifesto na porta do Concello de Fene.
Baixo o lema “A saúde das mulleres é un dereito”, o Concello de Fene está a conmemorar o Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, que se celebra neste 28 de maio. Coincidindo con esta efeméride, o departamento de Benestar Social e Igualdade organizou unha completa programación de pílulas informativas sobre diversas cuestións relacionadas coa saúde as mulleres, e unha andaina reivindicativa que tivo lugar esta mañá.
Un nutrido grupo de mulleres fenesas sumáronse a esta acción e percorreron esta mañá o camiño entre o departamento de Benestar Social e Igualdade, en San Valentín, e o Concello de Fene, para visibilizar e reivindicar o dereito das mulleres a desfrutar dunha vida saudábel. Ao remate da andaina, a concelleira de igualdade e servizos sociais, Sandra Permuy, deu lectura ao manifesto “A saúde das mulleres é un dereito”, e as presentes compartiron un refrixerio saudábel.
“Con esta conmemoración queremos contribuír desde o local a dar visibilidade ás mulleres que traballan cada día no ámbito da saúde, sendo o seu altofalante para poñer sobre a mesa cuestións relativas á saúde das mulleres”, salientou Sandra Permuy. A concelleira tamén tivo palabras de agradecemento “para todas a traballadoras que contribuíron a facer posíbel a celebración do Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, compartindo o seu coñecemento e experiencias con todas as nosas veciñas”.
O Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres celebrouse por primeira vez no 1987, motivado pola existencia de múltiples factores económicos e socioculturais que impedían -e que seguen a impedir- que a saúde sexa un dereito para moitas mulleres e nenas do mundo.
Pílulas informativas en Radio Fene
Durante toda a semana estanse a difundir en Radio Fene -de luns a venres ás 11h- unha serie de pílulas informativas nas que se abordan diversas cuestións relacionadas coa saúde das mulleres. Nelas participan profesionais do Centro de Saúde de Fene, do Centro de Saúde de Narón e do propio Concello de Fene.
Esta programación especial comezou o luns abordando a fibromialxia, da man de Sonia Gómez e Cristina Cotobad, fisioterapeutas do Centro de Saúde de Narón. E hoxe foi a quenda da nutricionista do Centro de Saúde de Fene, Iria González, quen falou de nutrición, embarazo e lactancia.
Baixo o título “A saúde si ten xénero”, Etelbina Caeiro Uzal -enfermeira do Centro de Saúde de Fene- falará este mércores da relación entre xénero e saúde; e o xoves, Paula Paz González, traballadora social, abordará a carga familiar das mulleres e a súa incidencia na saúde.
Estas pílulas informativas rematarán o venres coa entrevista a Generosa Yáñez Cerezal, matrona xubilada do Centro de Saúde de Fene, que falará sobre o só pélvico. Ademais, ese mesmo día intervirán a técnica de igualdade municipal, Adelaida Abad, e a alumna en prácticas de Promoción da Igualdade de Xénero, Deisy Pérez, que falarán da soidade da muller e a súa influencia na saúde.