Unha vintena de escritores e escritoras participarán na I Xornada Literaria no Pote
29-05-2024
A Concellería de Cultura organiza coa SCRD O Pote de Maniños e Aetna a I Xornada Literaria no Pote, encontro no que tamén colaboran a Asociación Galega de Escritores e a Imprenta Sanesteban. As escritoras fenesas Mariola Hermida e Matilde Castro participarán nesta actividade que se desenvolverá o venres 14 de xuño, a partir das 19 horas, nas instalacións da entidade de Maniños. A I Xornada Literaria no Pote incluirá unha pequena feira do libro con venda e sinatura de exemplares, coloquio e presentación de novidades literarias.
O programa arrincará ás sete do serán coa inaguración da feira do libro na que se porán á venda e asinarán exemplares dos libros publicados polos autores/as convidados. A partir das oito haberá un coloquio sobre a Literatura en Ferrolterra no que participarán Teresa Cameselle, Pablo J. Rañales e Mariola Hermida. E ás nove da noite, o escritor Pedro Feijoo presentará a novela Ninguén contará a verdade, acto no que estará acompañado polo tamén escritor Rober Cagiao.
Vinte e un escritores/as tomarán parte nesta I Xornada Literaria no Pote: Teresa Cameselle, Pablo J. Rañales, Pedro Feijoo, Rober Cagiao, José Ángel Varela, Sabela Cagiao, María Nieto, Raquel Villanueva, M.ª del Mar Muñiz, Micaela Barbeito, Juan Galán, Xosé Fernández, Miguel Gacio, Antonio D´Tenerife, Rubén Pedreira, Sara G. Veiga, Andrea Martínez, Cova P.L., Isabel Ramos e as fenesas Mariola Hermida e Matilde Castro.