O espazo de encontro entre mulleres INDIRA 2023-24 chega ao seu fin
18-06-2024
Coincidindo co peche do programa, que finalizou cunha última sesión o pasado mércores 12 de xuño, a Concellería de Servizos Sociais anuncia unha nova convocatoria de INDIRA, actividade que se retomará no mes de outubro, abríndose o prazo de inscrición para as mulleres interesadas en participar tralo verán, no mes de setembro. Indira é un “espazo de encontro e crecemento no que compartir, experimentar, crecer xuntas, relaxarse, e onde permitirse ser muller e desfrutar de selo”.
Ao longo do curso 2023-24, as mulleres de INDIRA traballaron nas súas reunións semanais o tema da comunicación e mesmo fixeron un podcast no que “falan de sí mesmas, do que lles preocupa, do grupo, do seu espazo...”. O grupo estivo guiado por tres profesionais con ampla formación e experiencia en Igualdade, Sexualidade, Educación Emocional, Técnicas de Relaxación e Atención Plena, Traballo Corporal, Autocoñecemento e Terapia do Reencontro entre outras.
INDIRA é un proxecto para mulleres no que se abordan diferentes temas e actividades relacionadas co desenvolvemento persoal e a saúde en todas as súas dimensións. Nas súas sesións trabállase o autocoñecemento e o autocoidado, a consciencia corporal e a consciencia como persoas de dereito e respecto. Ademais, nesta actividade póñense en práctica ferramentas que permiten unha mellor xestión das emocións, aumentar a sensación de comprensión, apoio e coidado de cara a empoderar as dimensións da persoa: mental, física e emocionalmente.
O proxecto vai dirixido ás mulleres de Fene e bisbarra, maiores de idade, con ganas de medrar emocionalmente, de compartir e de crear espazos de “SORORIDADE” (solidariedade entre mulleres), de empoderarse, de coñecerse e de coidarse tanto mental e física como emocionalmente.
No mes de outubro o grupo de INDIRA volverá a reunirse para continuar a súa andaina. Segundo os Servizos Sociais de Fene, “é un grupo aberto que acollerá con moito agarimo a todas aquelas mulleres interesadas en participar”.