Adrián Dopico López, Lucas Sixto Carballeira e Iván Mata Tamayo son os gañadores do XXVIII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humo

Adrián Dopico López, Lucas Sixto Carballeira e Iván Mata Tamayo son os gañadores do XXVIII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humo

Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mediodía no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXVIII concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Adrián Dopico López o premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos), a Lucas Sixto Carballeira o premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos) e a Iván Mata Tamayo o premio da categoría Caricatura (para maiores de 16 anos). Ademais, recibiron mención de honra no certame Ricardo Olivera Almozara (Fritz), Manuel Arriaga de León (categoría Curuxa), Eduardo Pérez Baamonde (categoría Curuxa) e Roberto Marcelo Bianchi (categoría Caricatura).

O xurado estivo integrado, ademais de polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón” (gañador do premio Curuxa 2023), Lucía Rodríguez Cid (gañadora do premio Curuxa Nova 2023) e Iván Mouronte Barreiro (gañador do premio Curuxa Caricatura 2023).

O gañador do 1º Premio Curuxa 2024, Adrián Dopico López presentou ao certame un debuxo titulado “Mal de moitos”. O xurado valorou desta obra “a súa eficacia visual, a capacidade de síntese e a escolla da morte e a envexa como ideas estructuradoras da viñeta”. Tamén salientou que “o tema é moi propio da idiosincrasia galega”. O premio está dotado con 2.500 € e diploma.

Asemade, o xurado acordou outorgar mencións de honra na categoría Curuxa, con diploma pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Eduardo Pérez Baamonde, co título “Terraza”; por Manuel Arriaga de León, co título “Quen foi?”; e Ricardo Olivera Almozara (Fritz), co título “Centauro del siglo XXI”.

O 1º Premio Curuxa Nova -dotado con 1.500 € e diploma- foi nesta edición para Lucas Sixto Carballeira por un debuxo presentado co título “Dieta do futuro”. Na súa análise, o xurado salienta “que é un tema de actualidade moi ben resolto conceptualmente. Tamén salientou que transmite a mensaxe con moita gracia e de xeito directo recorrendo ao absurdo”.

Por último, recibe o 1º Premio na categoría Caricatura -dotado con 1.500 euros e diploma- o traballo presentado co título “Yolanda Díaz”, de Iván Mata Tamayo. O xurado valorou “a escolla da personaxe e que sexa perfectamente recoñecible. Tamén salientou que é unha caricatura moi elegante e que funciona moi ben compositivamente e no emprego da liña e da cor”.

Asemade, o xurado acordou outorgar unha mención de honra na categoría Caricatura, con diploma pero sen dotación económica, ao traballo presentado por Roberto Marcelo Bianchi, co título “Beware. Bela Lugosi”.

Organizados pola Concellería de Cultura de Fene, os Premios Curuxa do Museo do Humor Xaquín Marín buscan recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do Estado), ademais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor Xaquín Marín, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.

O alcalde e presidente do xurado, Juventino J. Trigo, avanzou esta mañá que no último trimestre do ano o Museo do Humor Xaquín Marín acollerá unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria (59 en total, dos cales 37 participaron na categoría Curuxa, 11 na categoría Curuxa Nova e os 11 restantes na categoría Caricatura). Ademais, na web do Museo (http://museodohumor.fene.gal) habilitarase nesas datas unha galería virtual con todas as obras presentadas ao concurso nesta edición.