Conta atrás para o XXX Día do Deporte na Rúa

Conta atrás para o XXX Día do Deporte na Rúa

A Concellería de Deportes de Fene anima á veciñanza a participar este domingo, 7 de xullo, nunha nova edición do Día do Deporte na Rúa, evento multideportivo que ten como obxectivo promocionar a actividade física en familia. A Avda. do Tarrío, a rúa San Salvador e os arredores do CCRD de Perlío serán o epicentro desta xornada para a que están programadas ao redor dunha trintena de actividades para persoas de todas as idades e gustos. O horario será de 10.30 a 14.00 horas e, no caso de choiva, o evento trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín.

Coma todos os anos, a participación en todas as actividades do Día do Deporte na Rúa será libre e de balde. E as persoas que participen en tres actividades, poderán facerse cunha camiseta conmemorativa da xornada, até esgotar existencias.

Un dos grandes atractivos desta nova edición do Día do Deporte na Rúa será, de novo, a tirolina xigante que se instalará durante a fin de semana -desde o sábado 6 até o luns 8 de xullo- nas inmediacións do Centro de Saúde de Fene, na Avda. do Tarrío. O horario da mesma será: o sábado, de 17.00 a 20.00 horas, o domingo, de 10.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.00, e o luns, de 17.00 a 20.00 horas.

A maiores, o domingo pola mañá, no marco do XXX Día do Deporte na Rúa, haberá en Perlío actividades para todos os gustos e idades: tiro con arco, esgrima, chave, boccia, circuito en cadeira de rodas, slak line, xogos tradicionais, karts, baloncesto en cadeira de rodas, baloncesto 3x3, hockei, indiaka, bádminton, carreiras de velocidade, volei con pelota xigante, xadrez xigante, chapas, fútbol, pintadas, cross training, futbolín humano inchable, tobogán inchable, inchable de saltos con obstáculos, tenis, judo, defensa persoal, taekwondo, karate, obradoiro de nutrición, obradoiro de valoración funcional, orientación e obradoiro de circo.

ORGANIZA: Concello de Fene (Concellería de Deportes) // COLABORAN: Deputación da Coruña, Eroski, Colexio Jorge Juan Perlío, CCRD Perlío, Amigos da chave de Ferrolterra, Escudería Scratch Fene, Club Kang, Club Artes Marciais Fene e familia Bértoa. 

Descargas