Reparto de invitacións para o monólogo de Carlos Blanco, no marco do ciclo Xullo, mes da Patria
04-07-2024
A Concellería de Cultura de Fene repartirá este venres, a partir das 10 horas na Casa da Cultura de Fene as invitacións para o monólogo que o humorista Carlos Blanco ofrecerá o vindeiro mércores 10 de xullo, ás 21.30 horas, na Praza do alcalde Ramón J. Souto González. Entregaranse dúas invitacións por persoa adulta até completar o aforo. Actividade organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
Humorista e actor de teatro, cinema e televisión, Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959) foi un dos pioneiros e mestres do monólogo cómico en Galicia.
Traballou durante dez anos na Radio Galega e realizou na TVG diversas series —coma Mareas Vivas— e Somos unha potenzia, o primeiro late night show feito en Galicia. En televisión tamén traballa no eido estatal en producións como Fariña, Antidisturbios ou La Unidad. Para a gran pantalla actuou en películas como O lapis do carpinteiro, A praia dos afogados ou Dhogs, ademais de curtas como Nena.
Como humorista leva máis de vinte anos de traxectoria profesional. Da súa faceta como cómico cómpre destacar que foi finalista do Certamen de Monólogos de El Club de la Comedia no 2003. E, recentemente, participou con Xosé A. Touriñán en espectáculos coma Unha noite na praia e Somos Criminais, sendo esta última a obra con máis entradas vendidas da historia do teatro galego.
No 2018 gañou do Premio Rebulir da Cultura Galega na modalidade de Artes Escénicas e foi nomeado en varias ocasións aos Premios Mestre Mateo, sendo merecedor nunha delas do galardón á Mellor Interpretación Masculina Secundaria polo seu papel en Heroína (2005).