Semana grande do ciclo Xullo, mes da Patria
08-07-2024
Do martes 9 ao venres 12 de xullo desenvolveranse o groso das actividades programadas no marco do ciclo Xullo, mes da Patria, que organiza a Concellería de Cultura de Fene. A primeira cita da semana será con Peor imposible, de Peter Punk, o martes 9 ás 21 horas na praza do CPS de San Valentín. Trátase dun espectáculo de clown, malabares e humor para todos os públicos. Actividade organizada coa colaboración do CPS de San Valentín e Agadic (Xunta de Galicia).
Tamén a xornada do mércores 10 estará adicada ao humor co monologuista Carlos Blanco como protagonista. A función comezará ás 21.30 horas na praza do alcalde Ramón J. Souto González, con entrada gratuíta, aínda que para asistir será preciso presentar invitación (xa esgotadas). Función programada coa colaboración da Rede Cultural da Deputación, ao igual que os concertos do día seguinte.
O xoves 11 de xullo a partir das 21.00 horas actuarán na Praza do alcalde Ramón J. Souto González Caamaño&Ameixeiras co espectáculo Quitar o aire e Grande Amore, presentando o seu último disco II. Entrada libre e de balde.
E xa para pechar o programa, o venres 12 de xullo ás 20 horas, Alexandre Marín –fillo do debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín- será o encargado de ler Declaración Institucional polo Día da Patria Galega a carón do monumento instalado no parque liñal do río Cádavo. E, a partir das 21 horas, comezará a carón da Casa do Concello o tradicional Festival de Habaneiras e Canto Coral, no que tomarán parte as corais e rondallas do concello.