Acto institucional e festival de habaneiras para pechar o ciclo Xullo, mes da Patria
11-07-2024
O venres 12 de xullo, ás 20 horas, comezará no parque liñal do río Cadavo (a carón do monumento Día da Patria Galega) o acto institucional que organiza o Concello de Fene no marco do ciclo Xullo, mes da Patria. Intervirán o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, o fenés Alexandre Marín, técnico de Cultura do Concello de Culleredo e fillo do debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín ao que se lle encargou este ano a elaboración da Declaración Institucional polo Día da Patria Galega, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo. No decurso do acto, haberá unha ofrenda floral e, ao remate, o Tradicoro interpretará o Himno Galego.
Unha vez rematado o acto institucional, o mesmo venres a partir das 21 horas, comezará na praza do alcalde Ramón J. Souto González o tradicional Festival de Habaneiras e Canto Coral, no que tomarán parte as corais e rondallas do concello. Así, subirán ao escenario co seguinte programa:
1. RONDALLA ESTRELECER
- Casiñas Brancas
- Quen puidera namorala
- A rumboia
2. CORAL POLIFÓNICA O POTE DE MANIÑOS
- Lela
- Alma, corazón y vida
- La viajera
3. CORAL POLIFÓNICA AGARIMO DE SILLOBRE
- No prado
- Olla como vai
- Siete rosas
4. TRADICORO
- Ngomoya-amavolovolo
- Si tu no estás aquí
- Cantando o xote