Asinados os convenios de colaboración correspondentes ás subvencións nominativas para os festivais Felicia Pop e Fenerock
18-07-2024
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e representantes das asociacións A.C. Felicia e Centolos A.C. reuníronse este xoves na Casa do Concello para asinar os convenios de colaboración entre o Concello de Fene e ámbalas dúas entidades ao obxecto de organizar os festivais Felicia Pop Festival e Fenerock 2024. Convenios que, no seu conxunto, suman 22.000€, a razón de 11.000€ para cada unha das sociedades. Con estas aportacións, o Goberno Municipal de Fene pretende apoiar a organización de dous certames que, pola súa traxectoria e especial interese, son xa un referente no calendario de festivais de música en Galicia.
Os dous convenios asinados este mediodía son “prepagables”, o que significa que, a partir da sinatura dos documentos, as entidades beneficiarias percibirán un 70% da contía asignada, sen ter que agardar á xustificación da subvención. Desta maneira, as entidades Felicia e Centolos A.C. poderán afrontar con maior tranquilidade os numerosos gastos por adiantado que supón a organización de dous festivais da categoría do Felicia Pop e do Fenerock.
Por último, segundo avanzan dende a Concellería de Cultura, nos vindeiros meses procederase a asinar o resto dos convenios das subvencións nominativas coas restantes entidades culturais e deportivas por un importe total de 36.200 euros.