As Andainas por Fene percorrerán Limodre o domingo 1 de setembro e Maniños o sábado 7 de setembro
23-08-2024
Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Maniños que organizan a Concellería de Deportes e a ACRD O Pote para o sábado, 7 de setembro, a partir das 17.00 horas. A andaina comezará no local da entidade e percorrerá - ponte da pedra - rotonda da armada - camiño da corredoira - prismos - os roidoiros - muiño de Solís - polígono - os casáis - catalán - brea para voltar ao punto de saída tras percorrer uns 8 quilómetros de dificultade media e cunha duración aproximada de tres horas.
A participación é de balde até completar as 50 prazas, pero cómpre anotarse nas dependencias do Departamento de Deportes (Avda Naturais, 44, entrechán dta., Fene, ou no 981 340 366) en horario de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas.
Esta ruta por Maniños encádrase no programa “Andainas por Fene”; roteiros organizados en colaboración coas sociedades parroquias e Eroski- cos que o Concello quere dar a coñecer á veciñanza a riqueza paisaxística e patrimonial do conxunto do territorio local mentres se goza dunha actividade saudábel ao aire libre.
Así as rutas programadas permitirán ás participantes coñecer Limodre (1 de setembro-abertas inscricións), Maniños (7 de setembro-abertas inscricións), Sillobre (14 de setembro), Magalofes (28 de setembro), Fene (5 de outubro) e San Valentín (19 de outubro). A estas súmase a ruta xa realizada o pasado 15 de xuño en Barallobre, que foi todo un éxito de participación.
O concelleiro de deportes, Adán Chao, animou a toda a veciñanza a participar nestas rutas, destacando que “esta iniciativa non só fomenta a práctica do deporte un estilo de vida saudábel, senón que tamén permite redescubrir as nosas parroquias e afortalar os lazos comunitarios”.
Así mesmo, Chao quixo agradecer expresamente a colaboración das entidades locais que fan posíbel esta actividade: a Liga de Amigos de Barallobre, a A.VV. de Limodre, O Pote de Maniños, Agarimo de Sillobre, A.VV. Santo Samarco, A.VV de Magalofes, CMI Unidade de Fene e o CPS de San Valentín. "Sen o seu compromiso e dedicación, este ciclo non sería posíbel", engadiu.
As inscricións para estas rutas son completamente gratuítas, e están abertas a persoas de todas as idades. As persoas interesadas poden anotarse contactando coa concellaría de deporte, 15 días antes de cada unha das rutas programadas.