Trátase dun proxecto piloto de sensibilización das comunidades locais no respecto á diversidade sexual, desañada pola cooperativa Rexenerando e financiada pola Deputación da Coruña
O Concello de Fene acolleu a presentación do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ para a mocidade de Ferrolterra
No acto participou persoal técnico dos concellos de Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, da Deputación da Coruña, e docentes de diferentes centros educativos da comarca
06-09-2024
O Salón de Plenos do Concello de Fene foi escenario da presentación do Laboratorio de Apoderamento LGBT+, un proxecto pioneiro que busca fomentar a inclusión e o respecto pola diversidade sexual nas comunidades locais da comarca de Ferrolterra. A iniciativa, financiada pola Deputación da Coruña, está deseñada pola cooperativa ferrolá Rexenerando, e conta coa participación das técnicas de igualdade dos concellos de Ferrol, Fene, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, así como da propia Deputación provincial.
O acto contou coa presenza e intervención de Soledad Agra, Deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, quen subliñou a relevancia de apoiar proxectos que promovan a igualdade e diversidade en contornas educativas. Tamén coa concelleira de igualdade de Fene, Sandra Permuy, quen destacou que “é fundamental que os nosos centros educativos sexan espazos seguros e respectuosos para toda a mocidade, sen importar a súa identidade de xénero ou orientación sexual”.
Asistiron á presentación do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ máis dunha vintena de persoas, entre persoal das diferentes entidades locais e profesorado do IES de Fene, IES Catabois (Ferrol), IES Terra de Trasancos (Narón), IES Fernando Esquío (Neda), CPI San Sadurniño e CPI Atios (Valdoviño), participantes nesta primeira edición. Todas elas participaron en grupos de traballo para abordar o estado actual das políticas de diversidade sexual nos concellos, e discutir os próximos pasos a seguir. O evento concluíu cun pequeno almorzo, no que se fomentou a colaboración e o intercambio de experiencias entre os diferentes axentes implicados.
O Laboratorio de Apoderamento LGBT+ desenvolverase ao longo dos vindeiros meses, culminando cunha gran gala final que se celebrará en decembro. Nesa data presentaranse os resultados e os prototipos de intervencións dinamizadoras para a creación dunha comunidade de activistas LGBTIGA+, desenvolvidas pola propia mocidade.