A conferencia do catedrático de Historia Moderna Manuel Reyes García Hurtado abrirá en outubro a cuarta edición de Contando Ciencia
16-09-2024
Organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino do Concello de Fene, volve Contando Ciencia, un programa que retoma a súa actividade co inicio do curso escolar “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
O ciclo principiará o xoves 3 de outubro co relatorio “Ferrol. O Arsenal no século XVIII”, a cargo do catedrático de Historia Moderna Manuel Reyes García Hurtado. No devir desta charla, o estudoso ferrolán explicará como se construiu o Arsenal de Ferrol e a labor de espionaxe de Gran Bretaña, amosando numerosas ilustracións, moitas delas inéditas.
Manuel Reyes García Hurtado é catedrático de Historia Moderna e doutor con premio extraordinario pola UDC, onde dirixe o departamento de Humanidades. As súas principais liñas de investigación son o estudo do exército e da Armada do século XVIII desde a perspectiva da Historia Cultural e da Historia Marítima, con especial atención ás infraestructuras portuarias e á actividade consular, así como ás relacións entre España, Francia e o Reino Unido no século XVIII, sobre as que ten dirixido diversos proxectos de investigación nacionais. Ademais, ten levado a cabo numerosas estancias de investigación e docencia de longa duración en diferentes universidades de Europa e América e publicou numerosas monografías en relación a estes temas.
O ciclo Contando Ciencia proseguirá ao longo do curso 2024-25, atendendo ao seguinte calendario e programa:
- 7 de novembro, Gonzalo Álvarez Jurado, catedrático de Xenética pola USC. Tema: "A xenética no museo do Prado".
Gonzalo Álvarez Jurado é catedrático de Xenética pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade, profesor ad honorem. Foi director do Departamento de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela durante 15 anos.
- 16 de xaneiro, Verónica Bolón Canedo, doutora en Informática pola UDC. Tema: “Avances e desafíos da Intelixencia Artificial”.
Verónica Bolón Canedo é enxeñeira informática, doutora en Informática pola Universidade da Coruña e profesora titular no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, así como investigadora no Centro de Investigación TIC (CITIC). É académica de número de Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.
- 13 de febreiro, Rosa Crujeiras Casais, catedrática de Estatística e Investigación Operativa da USC. Tema: “Mentiras, malditas mentiras e estatísticas”.
Rosa Crujeiras Casais é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa da USC e, actualmente, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga (desde setembro de 2021). A súa investigación céntrase no desenvolvemento de metodoloxía non paramétrica para a análise de datos en contextos complexos: procesos con dependencia espacial, variables observadas sobre soportes non-euclídeos e, máis recentemente, datos con información parcial.
- 6 de marzo, Estíbaliz Espinosa Río, estudosa de Astrofísica e Arqueoastronomía. Tema: “Multiverso de telescopias”
Estíbaliz Espinosa defínese como “autora, exploradora en ciencia e literatura, músico, astrónoma amadora, editora e tradutora”. Lémbrase escribindo desde que colleu o primeiro lapis e debuxou cómics. Lémbrase sobre todo lendo, dándolle voltas ao prisma literario non menos que ao científico ou ao musical. De ciencias e de letras, licenciouse en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica na UDC. Ademais, escribe e canta desde que pode recordar. Cantou en coros e como solista (soprano e mezzo). Estuda astrofísica como afeccionada e arqueoastronomía.
- 24 de abril, Iria Gómez Touriño, doutora e investigadora do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas. Tema: “Investigando o lado escuro do sistema inmunitario
Iria Gómez Touriño é investigadora principal do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas do CiMUS e IDIS. Ten conseguido varias axudas e contratos altamente competitivos, incluídos dous contratos Marie Sklodowska-Curie da Unión Europea (King’s College London, Reino Unido, 2013-2015, e USC, España, 2018-2020), e máis recentemente o Career Development Award da fundación estadounidense Juvenile Diabetes Research Foundation (2023-2028). As suas principias liñas de investigación inclúen a identificación e caracterización de novos fármacos para o tratamento de enfermidades autoinmunitarias, así como o estudo das causas destas patoloxías. A Dra. Gómez é tamén inventora en tres patentes, avaliadora experta de proxectos da Unión Europea e vogal da Xunta directiva da Sociedade Española de Inmunoloxía (2022-2026)