O VI Festival Internacional Entes Animados 2024 volta a Fene e a outros sete concellos da contorna
17-09-2024
Con presenza dos/as concelleiros/as e técnicos/as de Cultura dos Concellos participantes e do presidente da Asociación Veciñal de Canido, o Pazo da Cultura de Narón acolleu este mediodía a presentación do 6º Festival Internacional Entes Animados que se celebrará do 20 ao 29 de setembro (fins de semana). Ao longo do certame, seis compañías procedentes de Portugal, Brasil e Inglaterra achegaranse até os concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Neda e Valdoviño para presentar os seus espectáculos que abranguen “desde o teatro de títeres de luva até a narrativa teatral máis engaiolante”.
As compañías convidadas nesta nova edición de Festea son: Caricata Teatro (España/Portugal), Drew Colby, Shadowgrapher (Inglaterra), Fábio Superbi (Brasil), Fio d´Azeite (Portugal), Historioscopio (Portugal) e Rui Sousa (Portugal) En total ofrecerán 20 funcións, con entrada libre e de balde, nas que cada grupo amosará a súa perspectiva única da arte teatral de títeres, achegando o público a un universo de emocións e reflexións. O evento forma parte da Red de Festivales Internacionales de Teatro de Títeres y Objetos de Otoño.
As representacións desenvolveranse nos centros cívicos sociais da zona rural e colexios entre este venres, día 20 e o vindeiro 29 de setembro. Trátase de obras de pequeno e mediano formato a cargo de compañías tanto nacionais como internacionais, premiadas por especialistas e recoñecidas polo público, tal e como avanzou a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que valorou o feito da colaboración entre administracións para poder levar a cabo este tipo de iniciativas.
No que atinxe ao Concello de Fene, o Festival Internacional de Entes Animados 2024 centrarase nas xornadas do venres 27 e do sábado 28 de setembro. A primeira función, o venres 27, será ás 20 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre e terá como protagonista á compañía Caricata Teatro co espectáculo “ A Tourada”. Trátase dun espectáculo inspirado na tradición das marionetas portuguesas. De xeito divertido e participativo, un touro rebelde enfrontará aos toureiros entre golpes e gargalladas de pequenos e grandes.
O sábado 28, Festea trasladarase ao local da AVV Santa Eulalia de Limodre (20.00 horas), coa función de “My Shadow and Me”, a cargo da compañía Drew Colby, Shadowgrapher. Trátase dun “espectáculo divertido e atractivo para público infantil e familiar feito de sombras e luz reflectida”. Nel, “unha persoa e a súa sombra emprenden unha incrible, imaxinativa, e sombría viaxe na que as criaturas emerxen, se comprometen e se transforman de xeito fermoso”.
En palabras do director artístico do festival, Plamen Dipchikov, o Festival Internacional Entes Animados 2024 representa unha celebración da diversidade teatral titiriteira e a unión de diferentes culturas a través da arte. O certame pretende “descentralizar os eventos culturais e levar unha programación de calidade aos sitios máis alonxados do centro urbán de cada concello”. E, con este obxectivo, cada ano presenta compañías de teatro de renome internacional, ofrecendo actuacións de alta calidade e promovendo a diversidade teatral de títeres.