Contacontos e maxia no Mes da Biblioteca
25-09-2024
Tres espectáculos dirixidos a público familiar anuncia a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé para o mes de outubro, no marco do Mes da Biblioteca. A primeira función será o xoves 3 ás 18 horas, con Trinketrinke Teatro e o espectáculo “O caracol namorado”, dirixido a nenas e nenos de 4 a 8 anos. Para confirmar asistencia -xa que o número de prazas é limitado- cómpre chamar (tfno. 981 342 302) ou inscribirse na biblioteca a partir do xoves 26 de setembro no horario da instalación (de luns a venres, de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas). Entrada de balde.
En O caracol namorado, os protagonistas son os ratos de Lonxedetodo, uns apaixoados da lectura. Desta vez, o rato Fuco está acompañado polo seu amigo o caracol Manolo quen está namorado da rá Lola. O apoucado caracol non ten apetito, sempre fala en verso e só quere escoitar contos de amor. Pero ese día, Fuco tenlle preparada a Manolo Caracol unha sorpresa inesquecible!
A segunda función do ciclo anúnciase para o xoves 10 de outubro, ás 18.00 horas, e correrá a cargo do mago Paco con Maxia divertida 4.0 - O Contamaxias. Trátase dun espectáculo que ten como obxectivo principal a animación á lectura, xa que os contos, as historias e a palabra en xeral forman unha parte ensencial dentro do mesmo. Neste caso a entrada será tamén de balde, o aforo limitado e haberá que apuntarse na biblioteca a partir do día 3 de outubro.
Por último, o xoves 17 de outubro, ás 18 horas, visitará a Biblioteca Municipal de Fene Carballo con botas coa función titulada Zapatiños de cartón e a carta dos bosques. Zapatiños de cartón é o avó do Carballo con Botas, dono dunha fábrica máxica na que nacen uns zapatiños de cartón cos que camiñar polos libros, polos bosques, polos rios e sobre todo polo corazón das persoas que queremos. Zapatiños de Cartón leva unha carta dos bosques para que as nenas e nenos aprendan a coñecelos, coidalos e protexelos a través dos contos e a das historias polas que camiñan os nosos soños.. O espectáculo encádrase no Proxecto Cuco Cultura contra o cambio climático. Prazas limitadas, inscricións a partir do 10 de outubro na biblioteca e entrada de balde.
Organiza: Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé – Concellería de Cultura de Fene coa colaboración do programa Ler conta moito (Xunta de Galicia)