Sobes ao autobús do teatro?
30-09-2024
O Concello de Fene anima á veciñanza a participar no programa Sobes ao autobús do teatro?, do Centro Dramático Galego. Con esta iniciativa o CDG facilita ás persoas interesadas a súa asistencia a unha función teatral -reposición da obra Terceiro acto- o venres 11 de outubro ás 18 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O desprazamento en autobús será de balde e as persoas que se apunten só terán que aboar o custe da entrada que será de cinco euros por persoa. O día da función sairase da Casa do Concello de Fene ás 15.45 horas e hora prevista para o retorno será ás 20.30 horas.
Segundo informan desde a Concellería de Cultura, o número de prazas é limitado e serán 26 para os/as veciños de Fene, que compartirán autobús cos de Cabanas. Inscricións no Departamento de Cultura, en Avda Naturais, 44, entrechán, ou no teléfono 981 340 366, do 1 ao 9 de outubro. Horario de atención: de 9.00 a 13.30 horas.
Baixo a dirección e dramaturxia de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, Terceiro Acto é unha producción do Centro Dramático Galego. As protagonistas son “cinco persoas extraordinarias, cinco actrices e actores que se entregaron con absoluta xenerosidade á empresa de utilizar o teatro como un lugar para reencontrarse e reflexionar sobre certas cuestións que foron xurdindo ao longo do proceso e converténdose en relevantes.
Reflexionan sobre ese esplendor vital que emana moitas veces do que poderiamos dar en chamar o terceiro acto dunha vida, preguntándose como é o proceso de irse facendo maior, falando dos anhelos, das perdas, dos soños que lles quedan por cumprir dentro e fóra dun escenario, do lugar onde nos coloca a sociedade ao írmonos facendo maiores.
Xuntos, lembran e reflexionan sobre días pasados, analizan o impacto da arte na vida destes cinco artistas e buscan comprender como a historia destas mulleres e homes foi atravesada pola Historia con maiúscula. Cinco persoas que naceron nunha ditadura e que na súa mocidade creron que podían comezar de cero e loitar por un novo mundo. En Terceiro acto analizan tamén o seu legado e formulan hipóteses sobre como será o mundo cando eles xa non estean.
Neste momento no que a historia corre a una velocidade endiañada, detéñense para escoitar atentamente, nunha especie de soño poético, a aqueles que van diante de nós, os gardiáns da memoria”.