Alumnado de 4º da ESO do IES de Fene ideou esta acción para concienciar á súa veciñanza.
Unha peixería que ofrece lixo sorprenderá á veciñanza de Fene este mércores 30 de outubro na praza verde de Fene ás 12:30 horas.
Son os participantes do obradoiro de comunicación de guerrilla impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Fene e impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social
29-10-2024
Non é produto do Samaín, aínda que ben podería selo. Son os mozos e mozas de 4º do IES de Fene que queren denunciar ante a veciñanza do Concello que o mar está cheo de lixo e contaminación. Para facelo montarán na Praza Verde este mércores unha peixería na que en lugar de vender pescadas, sardiñas, ou xurel, o que ofrecerán será lixo. Lixo de proximidade e ben fresquiño xa que está recollido por eles mesmos nas praias e no propio concello.
O alumnado fenés ideou esta acción, tras o paso por un obradoiro previo de comunicación de guerrilla, coa finalidade de concienciar á súa veciñanza sobre como lixo e a contaminación que hai nos océanos pon en perigo a supervivencia dalgunhas especies emblemáticas para a nosa gastronomía. A veciñanza que se pasee por esta “peixería do lixo” atopará información sobre o estado de conservación vulnerable de algunhas especies como o polbo, a ameixa, o berbercho ou o bacallau, afectados directamente pola contaminación, a sobrepesca ou co quentamento global.
A comunicación de guerrilla é unha técnica comunicativa que busca xerar impacto e conciencia social, utilizando o espazo público para provocar unha reflexión na cidadanía. A acción que levan semanas preparando e deseñando forma parte do proxecto europeo ‘People & Planet: un destino común’ impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración do Concello de Cabanas.
O punto de partida foi a participación deste alumnado en tres obradoiros previos impartidos pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social ( AGARESO) onde aprenderon non so as peculiaridades que usa a comunicación de guerrilla, senón tamén a temática a tratar: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global, e tamén comezaron a imaxinar a acción que o mércores poderemos ver en Fene.
#PeopleAndPlanet
O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global.
Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde
CANDO:
Mércores 30 de outubro
Praza Verde de Fene ás 12:30