Ciencia e arte na segunda sesión do ciclo Contando Ciencia
05-11-2024
A xenética no Museo do Prado é o tema da conferencia programada para este xoves na Casa da Cultura de Fene, no marco do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A charla, prevista para as 19.30 horas, correrá a cargo do catedrático de Xenética da USC Gonzalo Álvarez Jurado. Entrada libre e de balde até completar o aforo.
En relación ao tema da conferencia, o relator Alvárez Jurado avanza que “os retratos dos reis da dinastía Habsburgo ubicados no Museo del Prado e noutras grandes pinacotecas do mundo foron usados por un equipo multidisciplinar de xenetistas e ciruxáns maxilofaciales para investigar a base xenética do rostro humano e, en particular, as consecuencias da consanguinidadee sobre a deformidade facial en relación ao prognatismo mandibular e a deficiencia maxilar.
Gonzalo Álvarez Jurado é catedrático de Xenética na Universidade de Santiago de Compostela, profesor ad honorem e foi director do Departamento de Xenética da USC durante 15 anos. A súa investigación centrase no campo da xenética de poblacións e a evolución. É autor de numerosas publicacións en revistas científicas internacionais. Actualmente está interesado nos efectos xenéticos da consanguinidade nas Dinastías Reais europeas e nas relacións entre a Xenética e a Historia.
Trala sesión deste xoves, o ciclo Contando Ciencia continuará o 16 de xaneiro cunha charla sobre Avances e desafíos da Intelixencia Artificial, a cargo da doutora en Informática pola UDC Verónica Bolón Canedo.