Fene reafírmase no 25N: feminismo en acción contra a violencia machista

Iniciativas participativas e feminismo en acción para construír unha sociedade máis igualitaria

Fene reafírmase no 25N: feminismo en acción contra a violencia machista

A creación dunha biblioteca feminista aberta e unha charla para o estudantado, entre a programación local polo 25N

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa igualdade e a loita contra a violencia machista cunha programación especial polo Día Internacional contra a Violencia Machista, baixo o lema “Fene facendo a revolución, feminismo en acción”. Segundo destacou a concelleira de igualdade, Sandra Permuy, “queremos ir máis aló dunha simple conmemoración, mobilizando á veciñanza a apostando por accións que promovan o coñecemento, a reflexión e o cambio social”.

Entre as accións destacadas figura unha charla informativa no CPI A Xunqueira, dirixida ao alumando de 4º da ESO, e que terá lugar no mes de decembro. Abordaranse temas como as agresións sexuais e a violencia sexual, co obxectivo de contrarrestar a desinformación que circula nas redes sociais e fomentar relacións igualitarias. “É esencial traballar coas xeracións máis novas para desmontar os mitos sobre a violencia machista e previr comportamentos tóxicos”, subliñou Permuy.

Outra das iniciativas chave foi a realización dunha enquisa social para coñecer as percepcións da poboación fenesa en diferentes tramos de idade, incluíndo participantes das escolas de memoria para persoas maiores, adolescentes e usuarias do programa INDIRA. A enquisa abordou preguntas como se as persoas coñecen o motivo de elección do 25 de novembro ou como reaccionarían ante un caso de maltrato próximo. Estes datos, segundo explicou a concelleira, permitirán “deseñar políticas públicas máis efectivas e adaptadas ás necesidades reais da cidadanía”.

Como novidade, o espazo “Sementando Igualdade” albergará unha biblioteca feminista, que estará dispoñíbel desde finais desta semana. Trátase dun punto de acceso libre onde a veciñanza poderá coller e deixar libros sobre igualdade de xénero, unha aposta por democratizar e facilitar o acceso ao coñecemento. Ademais, o Concello de Fene, instalará bandeirolas nas inmediacións da Casa do Concello e das entidades veciñais, reforzando a visibilización desta data e convidando á reflexión colectiva.

Acto central da Marcha Mundial das Mulleres.

O acto central comarcal de conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia Machista terá lugar o propio 25 de novembro, ás 19h, na Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Está organizado pola Marcha Mundial das Mulleres, baixo o lema “A violencia machista toma moitas formas, combatámolas todas”. Permuy quixo salientar o carácter autoorganizado do feminismo galego, e o protagonismo das mulleres neste acto que busca visibilizar e combater todas as formas de violencia machista.