Contos e música para festexar o Nadal no Concello de Fene

Os nenos e nenas que queiran acompañar na Cabalgata ás SSMM Os Reis Magos de Oriente poderán solicitalo do 18 ao 29 de decembro polo rexistro xeral do Concello.

Contos e música para festexar o Nadal no Concello de Fene

Co espectáculo O castiñeiro do Apalpador, a cargo de Inacio Vilariño, o Concello de Fene abrirá o xoves 12 de decembro o ciclo de actividades do Nadal 2024-25, un programa que se extenderá até o 5 de xaneiro coa Cabalgata das SSMM Os Reis Magos de Oriente. Para estas semanas previas aos días grandes de festa, a Concellería de Cultura organiza sesións de contacontos e música na Casa da Cultura onde tamén se celebrará o día 20 o Festival de Nadal das Escolas Municipais de Música. Outras citas destacadas da programación serán as actuacións de Magic Mateo na AVV de Magalofes, o Festival de Panxoliñas no CMI Unidade de Fene e un concerto de Bellón & Maceiras no CCRD de Perlío. E, coma todos os anos, a Cabalgata dos Reis Magos de Fene estará aberta á participación das nenas e nenos que queiran acompañalos como Paxes Reais (inscricións do 18 ao 29 de decembro no Rexistro Xeral do Concello).

A continuación detállase o programa de actividades de Nadal 2024-25 no Concello de Fene:


Xoves, 12 de decembro de 2024 INACIO VILARIÑO “O CASTIÑEIRO DO APALPADOR”


Salón de Actos da Casa da Cultura ás 18.30 horas
Dirixido a público familiar (infantil e primaria)
Entrada de balde sen reserva de praza.
Patrocinado polo programa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
 
SINOPSE:
Neste espectáculo, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba únicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chaman o apalpador, conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas.  O castiñeiro do Apalpador é un espectáculo de monicreques e teatro baseado na lenda do Apalpador. Un espectáculo orixinal e divertido que da man do titiriteiro Inacio Vilariño ofrece ás familias unha experiencia inesquecible.

Venres, 13 de decembro de 2024 CAXOTO (A TRASTENDA DOS CONTOS)  “LEVÁNTATE XAN!”


Biblioteca PM “Xosemaría Pérez Parallé” ás 18.30 horas
Dirixido a bebés
Entrada de balde con aforo limitado (Reserva de praza na Biblioteca PM do 9 ao 12 de decembro en horario de 16.00 a 20.30 horas no teléfono 981 342 302).
Patrocinado polo programa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
 
SINOPSE:
É noite na granxa de Xan. Soa un espertador. Como todas as mañás o galo érguese antes de que saia o sol, sube ao alto do tellado e disponse a cantar dándolle permiso ao Sol para que apareza destrás das montañas. Pero ese día algo sae mal. O galo non ten forzas para cantar; e se o galo non canta todo o mundo sabe que o sol non se levanta... Non será que Xan se esqueceu de darlle a cea aos animais antes de ir para a cama a noite anterior?. Unha función chea de animais, pequenas historias e cantigas para recrear o día a día na granxa de Xan.  

 Xoves, 19 de decembro de 2024 PABLO DÍAZ “CANTA MÚSICA”


Salón de Actos da Casa da Cultura ás 18.30 horas
Dirixido a público infantil (de 4 a 9 anos)
Entrada de balde con aforo limitado
Patrocinado polo programa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
 
SINOPSE:
Espectáculo con Pablo Díaz e Olga Kirk de bailes, xogos-baile, canto, e música. A lingua  empregada no espectáculo é a lingua galega. Está dirixido a nenas e nenos cunha idade comprendida entre os 4 e os 9 anos.  No espectáculo as nenas e nenos participarán de xogos bailables tradicionais, bailes e cancións dunha maneira activa.  Para elo empregamos variada instrumentación tradicional, acabando o espectáculo cunha gran muiñeira conxunta que bailaremos con todo o público.
 
Venres, 20 de decembro de 2024_FESTIVAL DE NADAL DAS ESCOLAS MUNICIPAIS DE MÚSICA
Salón de Actos da Casa da Cultura ás 17.00 horas
Dirixida a tódolos públicos
Entrada de balde con aforo limitado
Concerto de Nadal dos/as alumnos e alumnas da Escola Municipal de solfexo, piano e guitarra..

 
Venres, 20 de decembro de 2024 MAGIC MATEO “MAGIC MATEO SHOW”


Local Social da AVV San Xurxo de Magalofes ás 20.00 horas
Dirixido a tódolos públicos
Entrada de balde con aforo limitado
Colabora: AVV San Xurxo de Magalofes
Patrocinado polo programa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
 
SINOPSE:
“Magic Mateo Show” é un espectáculo de maxia familiar que busca tocar todas as ramas da arte do ilusionismo. Mestura maxia, humor e participación do público. Un espectáculo para gozar en familia e pasar momentos cheos de ilusión da man dun dos ilusionistas máis novos do panorama máxico galego.
 Enlace: https://www.youtube.com/watch?v=CBd-hbQ6QWo

Sábado, 21 de Decembro de 2024 XXII FESTIVAL DE PANXOLIÑAS CONCELLO DE FENE


Local social CMI Unidade de Fene
Dirixido a tódolos públicos.
Entrada de balde.
Colabora: CMI Unidade de Fene
Participan:
·         Coral Polifónica Agarimo de Sillobre
·         Coral Polifónica O Pote de Maniños
·         Rondalla Estrelecer

Venres, 27 de decembro de 2024 BELLÓN, MACEIRAS E MAMÁ CABRA  “A MÚSICA DAS BUGUINAS”


Local Social do CCRD de Perlío ás 19.30 horas
Dirixido a tódolos públicos
Entrada de balde con aforo limitado
Colabora: CCRD Perlío
Patrocinado polo programa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
 
SINOPSE:
A Música das buguinas é un espectáculo de teatro musical de Mamá Cabra e BellónMaceiras dirixido ao público familiar. Os músicos Daniel Bellón e Diego Maceiras levan anos poñendo en práctica os concertos didácticos de música tradicional. Sobre esta idea e a partir dun texto de Pepablo Patinho, nace A música das Buguinas. Unha proposta que nos ensina a amar e a coñecer a nosa música descubrindo como soan os diferentes instrumentos. A música das Buguinas é tamén un libro disco ilustrado por Leandro Lamas. Roque é un neno de aldea que vive feliz compoñendo músicas cos sons que escoitaba da natureza: os distintos chíos dos paxariños, as pingueiras da choiva sobre os cacharros da sua avoa, sons de grilos, sons de paxaros, sons de cans, de gatos, sons de pitas, de ferramentas, de portas, sons de vento, de choiva, sons de persoas... Pronto Roque vai descubrir os sons da música primeiro da man da súa familia e despois da veciñanza na sementeira da aldea. Sentirá unha especie de maxia que o enche todo... a música latexará dentro del e será a persoa máis feliz do mundo! Dende aquel día, Roque vai querer ser gaiteiro, tamborileiro, pandeireteiro...

Domingo, 5 de xaneiro de 2025 CABALGATA DAS SSMM OS REIS MAGOS DE ORIENTE
 
Saída ás 17.30 horas do CCRD de Perlío (Rúa San Salvador), e percorrer Avda. Marqués de Figueroa, Avda. Naturais con remate na Praza do alcalde Ramón J. Souto González para recibir as SS.MM Os Reis Magos.
 
Si tes entre 6 e 12 anos cumpridos, e queres participar como paxe real na cabalgata, do 18 ao 29 de decembro tes que anotarte no rexistro xeral do Concello de Fene (aforo moi limitado, por orde de inscrición, descargando a ficha en ww.fene.gal)
 
Do 23 de decembro ao 5 de xaneiro estará colocada a Caixa de Correo Real na planta baixa da Casa do Concello para que enviedes os vosos desexos!


Máis información:
Departamento de Cultura
Avda. Naturais 44, entresollado
Tlf.: 981 340 366
cultura.deportes@fene.gal
www.fene.gal

Descargas