Os monicreques de Inacio Vilariño recrean a historia do Apalpador este mércores na Casa da Cultura de Fene
16-12-2024
Cal é a orixe do Apalpador? Por que un carboeiro do Courel decidiu dedicar a súa vida a sorprender cada fin de ano con pequenos agasallos aos pequenos con menos recursos? En O castiñeiro do Apalpador, espectáculo que Inacio Vilariño ofrecerá na Casa da Cultura de Fene este mércores ás 18.30 horas, un carboeiro que se alimenta unicamente dos froitos do seu castiñeiro (e que as xentes chaman o Apalpador) conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas.
O castiñeiro do Apalpador é unha función de monicreques e teatro baseada na tradición popular e no libro homónimo publicado por Inacio Vilariño en 2017. Trátase dun espectáculo orixinal e divertido dirixido a nenas e nenos de Infantil e Primaria, no que as familias vivirán unha experiencia inesquecible.
Entrada de balde sen reserva de praza.
Actividade organizada pola Concellería de Cultura de Fene co patrocinio do programa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Máis información:
Departamento de Cultura
Avda. Naturais 44, entresollado
Tlf.: 981 340 366
cultura.deportes@fene.gal
www.fene.gal