Fauna esencial, unha viaxe enriquecedora a través da diversidade da nosa vida salvaxe
16-12-2024
Xa se pode visitar na Casa da Cultura de Fene a exposición Fauna esencial, promovida por Afundación-Obra Social Abanca. A mostra inaugurouse este mediodía con presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo, do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e dos concelleiros Alejandro Dopico, Eloy Rico e María Ares. En representación das entidades organizadoras, asistiron: o coordinador institucional de Abanca, José Manuel Vilariño, a directora de zona de Abanca, Begoña Caamaño, o director da oficina de Abanca Fene, Jesús Valerio e a responsable da sede de Afundación Ferrol, Paula Ferreiro.
Fauna esencial está conformada por vinte e oito fotografías de grande formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retrato de natureza. As imaxes preséntanse acompañadas de textos explicativos coas características biolóxicas, do hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. A exposición amosa, sobre todo, grandes retratos e primeiros planos dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o corzo, a curuxa ou a aguia imperial.
A colección encádrase no programa solidario “Cultura por alimentos” que Afundación e a Obra Social de ABANCA desenvolven coa colaboración da Federación Española de Bancos de Alimentos para axudar aos Bancos de Alimentos locais. Así, convídase ás persoas que se acheguen a visitar a mostra a colaborar depositando a súa doazón de alimentos non perecedoiros ao acceder á mesma.
Fauna Esencial poderá visitarse en Fene até o 16 de xaneiro de 2025 en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 h. e de 16.00 a 21.00 h., e os sábados, de 10.00 a 13.00 h. Durante o Nadal (do 21 de decembro ao 7 de xaneiro, ámbolos dous inclusive), o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Durante este período, os sábados, domingos e festivos a instalación permanecerá pechada.