Clausúrase a primeira edición do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ en Ferrolterra cun encontro participativo

Clausúrase a primeira edición do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ en Ferrolterra cun encontro participativo

O Auditorio Municipal de Narón acolleu o día 18 de decembro un acto ao que asistiron persoal político e técnico, docentes e estudantado dos seis concellos participantes, ademais da Deputada de Igualdade da Deputación da Coruña e o equipo promotor de Rexenerando S. Coop.

O LAB LGBT+ abordou a cuestión da diversidade sexual dun xeito innovador, incorporando ferramentas de xestión e facilitación de grupos e dando espazo á experiencia, motivación e necesidades da mocidade.

A este encontro final do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ 2024 asistiron as traballadoras da cooperativa Rexenerando, promotora do proxecto, a Deputada de Igualdade, Soledad Agra, como representante da administración financiadora, técnicas e concelleiras das áreas de igualdade de Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño. Ademais, contou con representación de estudantado e docentes dos centros educativos participantes nesta primeira edición: o IES de Fene, o IES Catabois, o IES Terra de Trasancos, o IES Fernando Esquío e o CPI San Sadurniño e CPI Atios.

O espazo, que se desenvolveu entre as 11 e as 14h, serviu como acto de peche e celebración desta primeira edición, servindo ao tempo para seguir tecendo rede e avaliar o feito. Tras a presentación do equipo que desenvolveu a acción educativa, tivo lugar unha dinámica na que os axentes de cada territorio se sentaron de maneira independente para coñecer mellor as propostas do estudantado para a incorporación da perspectiva da diversidade sexual nos seus territorios, e para valorar se algunha delas pode ser integrada nas políticas locais ou a acción do centro educativo. Despois da merenda, un segundo espazo serviu para avaliar por círculos o traballo feito, recollendo apreciacións que poidan orientar as vindeiras edicións do LAB.

A Deputada de Igualdade, Soledad Agra, pechou este espazo de encontro onde a mocidade, as súas percepcións e ideas tiveron un papel central.

Intervención educativa para o apoderamento LGBT+
Entre setembro e decembro deste ano, o equipo do LAB estivo traballando nos seis centros participantes, desenvolvendo tanto accións co estudantado como con familias e docentes. A mocidade foi a protagonista do proceso; leváronse a cabo obradoiros de sensibilización en materia de diversidade sexual con doce grupos da comarca, entre 3º ESO e 1º Bach. Contaron cunha primeira sesión de marco xeral, unha segunda con alumnado voluntario para afondar na súas vivencias a respecto da diversidade sexual, e unha última para o prototipado de accións que se poderían desenvolver no seu territorio para visibilizar este tema. Este traballo educativo
complementouse cun cuestionario previo onde coñecer as percepcións da mocidade a respecto da
diversidade sexual.

Con profesorado e familias, pola súa parte, desenvolvéronse seis obradoiros de dúas sesións cada un, onde sensibilizar e reflexionar sobre como acompañar as adolescencias nesta área. Partiuse dos resultados do cuestionario inicial para entender cales son as reflexións, discursos e necesidades do estudantado, e artellar desde aí respostas significativas.

Na súa edición 2024, participaron directamente nos obradoiros do LAB un total de 287 persoas
(241 alumnado, 46 docentes e familias).

Traballo en rede
O Laboratorio traballou ademais coas áreas de igualdade dos seis concellos participantes, facendo unha primeira diagnose de accións que están levando a cabo en materia de diversidade sexual, e devolvendo posteriormente as propostas e necesidades do alumnado para a súa valoración.

Involucrou así mesmo a entidades LGBT+ como Avante LGBT+ Ferrolterra, o Colectivo Agrocuir da Ulloa, o Club de Lectura Queeruña, ou a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+, dando a coñecer o seu traballo entre os diferentes círculos participantes e promovendo a xeración de sinerxías.

Un programa con vocación de continuidade

O LAB LGBT+ está financiado pola Deputación da Coruña, ao abeiro do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de políticas de xénero. A cooperativa Rexenerando, equipo impulsor, seguirá traballando para continuar co programa na comarca no 2025.

Pódese seguir toda a información do proxecto na canle propia de instagram, @laboratorio_lgbt, ou
nas redes sociais da cooperativa Rexenerando, @rexenerandocoop.