O Concello de Fene ultima os preparativos da Cabalgata de Reis, pendente da evolución do tempo
03-01-2025
Coma todos os anos, as Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán Fene este domingo, a poucas horas da noite máis máxica do ano. Se o tempo o permite, a cabalgata dos Reis Magos de Oriente sairá ás 17.30 horas do CCRD de Perlío e percorrerá a Avda. Marqués de Figueroa e a Avda. Naturais ata chegar á Praza do alcalde Ramón J. Souto González (a carón da Casa do Concello) onde recibirán aos nenos e nenas que queirán conversar con eles e transmitirlles os seus desexos.
Perante as previsións de choiva e vento que se anuncian para esta fin de semana, a Concellería de Cultura agardará ate o mediodía do domingo para tomar unha decisión definitiva -da que se informará a través das redes sociais do Concello- sobre o desenvolvemento do desfile que este ano conta con 4 carrozas e un total de 32 paxes reais. O que sí se garante é a Recepción Real e unha festa infantil, baixo carpa, na Praza do Concello, entre as 18.00 e as 20.00 horas.
Ademais, ao remate da Recepción Real e da Festa infantil, o Concello de Fene entregará os agasallos ás gañadoras do I Concurso de Decoración de Nadal.