O Concello de Fene lembrará este venres á nosa escritora galega máis universal para conmemorar o nacemento da poetisa
Día de Rosalía 2025
17-02-2025

Sumándose ao chamamento que todos os anos fai por estas datas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Concello de Fene festexará este venres, 21 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro cun espectáculo familiar co que se pretende achegar as novas xeracións á figura da nosa autora máis internacional. Farao co obradoiro musical Rosalía Cantareira no que a intérprete Jara Ortiz levará a escea distintas cantigas baseadas nos poemas de Rosalía, amais de ensinar a procedencia dos diferentes ritmos da nosa música tradicional a través da pandeireta. A función será o venres, 21 de febreiro, ás 18.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Función aberta ao público en xeral aínda que especialmente recomendada para nenos/as de 6 a 12 anos.
Desde a Concellería de Cultura anímase á veciñanza a festexar o Día de Rosalía, agasallando estes días cun libro en lingua galega e cunha flor a amigos/as e familiares. Ademais, aproveitando a actuación deste venres de Jara Ortiz na Casa da Cultura, repartiranse marcapáxinas en homenaxe a Rosalía de Castro a todas as persoas que asistan ao espectáculo.
Jara Ortiz é cantante, compositora, percusionista e mestra de música tradicional. Percorreu a xeografía galega en solitario con concertos didácticos en centros educativos, e tamén como integrante de proxectos músico-teatrais infantís como os espectáculos A Casa do Terror e Estamos no verán, xunto a Xoán Curiel.