O vindeiro luns abre o prazo de solicitude de cita previa para a matrícula provisional presencial do Verán Máis Alá 2025

O vindeiro luns abre o prazo de solicitude de cita previa para a matrícula provisional presencial do Verán Máis Alá 2025

As persoas que queiran acollerse á modalidade de presentación presencial da documentación para o campus lúdico lingüístico “Verán Máis Alá” 2025 deberán solicitar cita previa no teléfono 981 340 366 do Departamento de Cultura de Fene, do luns 26 ao mércores 28 de maio, en horario de 9.00 a 13.00 horas. As citas daranse para os días 4, 5 e 6 de xuño nas propias oficinas da Concellería de Cultura, en Avenida Naturais, 44, entrechan. De todos os xeitos, lémbrase que esta matrícula provisional poderá realizarse tamén por medios telemáticos, na sede electrónica municipal (https://sede.fene.gal/), desde as 08.00 horas do venres 30 de maio ata ás 14.00 horas do luns 2 de xuño de 2025.

O Verán Máis Alá é un programa dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2013 e 2021 (idades de referencia de 3 a 12 anos) que resida ou estude en Fene. Desenvolverase do 1 ao 31 de xullo dividido en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 e a segunda do 16 ao 31 de xullo, podendo inscribirse nas dúas ou só nunha. Haberá dúas modalidades: Bos días!, con entrada entre as 08.00 e as 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas; e Máis alá!, con entrada ás 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas.

Terán prioridade os/as participantes empadroados/as no Concello de Fene (con anterioridade ao 2 de maio de 2025) sobre os que estudan no termo municipal. Os nenos e nenas que non estean empadroados en Fene ou que non estiveran matriculados no curso académico 2024/2025 nalgún dos centros de ensino do concello non poderán participar no programa.

As prazas adxudícaranse mediante baremo atendendo ás circunstancias familiares e laborais das persoas solicitantes. E o custe da actividade ascenderá, para todo o mes, a 68,15€/participante (36,70 € para o segundo membro da unidade familiar) e, por quincena, a 34,08 €/participante (18,35 € para o 2o membro da unidade familiar). En casos de situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade. As persoas interesadas en acollerse a este suposto, deberán solicitalo mediante escrito polo rexistro xeral do Concello de Fene, pero deberán formalizar igualmente a matrícula e o pagamento da cota nos prazos fixados.

Máis información, no Departamento de Cultura do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán dta., Fene) ou no teléfono 981 340 366.