A Concellería de Cultura de Fene colabora cos colexios Centieiras e Os Casais para que o alumnado asista este martes ao Correlingua

A Concellería de Cultura de Fene colabora cos colexios Centieiras e Os Casais para que o alumnado asista este martes ao Correlingua

Uns 240 mozos e mozas feneses acudirán este martes, 27 de maio, á Festa Correlingua de Ferrol, evento organizado pola Asociación Cultural Correlingua coa colaboración da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, xunto coas deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e varios concellos. A Concellería de Cultura de Fene sufragará o transporte do alumnado e profesorado dos dous centros de Fene que se inscribiron, asistindo por parte do Ceip Centieiras cento sesenta e catro persoas e, por parte do colexio Os Casais, setenta e dúas. A cita terá lugar no Auditorio Municipal de Ferrol en dúas quendas (de 10.00 a 11.00 e de 12.00 a 13.00 horas) e será conducida pola actriz e humorista Isabel Risco.

A Festa do Correlingua ten como obxectivos: propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións en prol dela; sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua; asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares; e contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos e implicar as xeracións máis novas no cumprimento deste obxectivo.

No decurso da Festa Correlingua deste martes procederase a lectura do manifesto “A mocidade activa por unha lingua viva!” que di o seguinte:


A mocidade galega sae á rúa hoxe para demostrar á cidadanía que temos a forza e a determinación para defender o futuro da lingua. Porque somos unha mocidade comprometida. E nas nosas mans está manter o galego vivo. Por iso queremos deixar claro que o galego resistirá grazas a…

Unha mocidade activa por unha lingua viva!

Sabemos que o galego é un tesouro que nos legaron aquelas persoas que, antes que nós, saíron á rúa coa lingua por bandeira. Aquelas persoas que conseguiron que o galego chegase aos xornais, ás radios e televisións, á escola e ás administracións. Grazas a esa xente podemos hoxe estudar na nosa lingua e falala en calquera circunstancia. Polas xeracións que non a deixaron morrer, nós tamén seremos…

Unha mocidade activa por unha lingua viva!

A nosa lingua é grande. Nela créase cultura que nos fai sentir orgullo da nosa lingua e de quen a fala: cine, música e libros que levan recoñecementos máis alá das nosas fronteiras. Porque non hai nada que non poidamos expresar nela, e porque sabemos que en galego podemos crear un mundo, dicimos ben claro que aquí está…

Unha mocidade activa por unha lingua viva!

Porque podemos vivir en galego, porque coñecer unha lingua sempre nos fai mellores, porque o galego acolle a quen se achega a el e porque queremos poder ser na lingua que herdamos… por todo iso reafirmamos que o futuro é…

Unha mocidade activa, por unha lingua viva!

Nós podemos facelo! Confiade na xente nova! Habemos levar a lingua con nós e falala con fachenda, porque sabemos que sería absurdo perder a oportunidade que nos brinda o galego de chegar máis alá! Por iso, o galego permanece sementado en nós. Non teñades medos nin reparos en falalo, porque o galego falado é o galego vivo e nós queremos…

A mocidade activa por unha lingua viva!