Paula Currás faise co XXXVIII Premio de Poesía Pérez Parallé

Paula Currás faise co XXXVIII Premio de Poesía Pérez Parallé

O certame do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene ten unha dotación de 3.000 euros e conta coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior.
 
A trixésima oitava edición do Premio de Poesía Xosé María Pérez Parallé foi para Paula Currás. A autora nada en Cambre en 1996 impúxose neste galardón pola obra Vestiario. O volume será publicado na Colección de Poesía Espiral Maior.
 
Xosé Carlos Carracedo, Lucía Aldao e Silvia Pernas compuxeron o comité de selección desta xeira do certame. A entrega do premio realizarase o vindeiro sábado 22 de novembro na sede da entidade.
 
Paula Currás (Cambre, 1996) é poeta e doutora en poesía norteamericana pola Universidade da Coruña, onde actualmente exerce como profesora e investigadora. A súa produción poética (en inglés e galego, respectivamente) foi publicada nas revistas Porridge e Dorna. En 2024 obtivo o segundo premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores, así como o XXXI Premio Xoán Díaz de Cambre en 2025.