A Volta á Ría - Memorial Adolfo Ros disputarase o 14 de decembro

A Volta á Ría - Memorial Adolfo Ros disputarase o 14 de decembro

A partir de hoxe ábrese a inscrición na competición deportiva

Volve, un ano máis, a proba de atletismo de referencia na comarca de Ferrolterra “Volta á Ría-Memorial Adolfo Ros”. O Concello de Neda será o encargado da organización nesta 39 edición, en colaboración cos veciños municipios de Fene, Ferrol e Narón. Dende hoxe e durante un mes estará aberto, a través da web www.carreirasgalegas.com, o prazo de inscrición na media maratón. O obxectivo, revalidar a excelente acollida das últimas entregas.

A Concelleira de deportes do Concello de Fene, Alba García, acompañou esta mañá ao alcalde de Neda, Ángel Alvariño, e os responsables de Deportes dos concellos co-organizadores -a nedense a Ángeles Puentes; o ferrolán
Ricardo Aldrey, e o naronés Ibán Santalla- na presentación do cartel oficial, realizado pola ilustradora Blanca Escrigas. No acto avanzaron as liñas mestras da competición, que se disputará na mañá do domingo 14 de decembro.

O alcalde de Neda subliñaba na cita o prestixio desta carreira, que rende tributo á figura de Adolfo Ros, quen perdía a vida en 1985 nun acto heroico ao botarse ao mar na praia de Doniños para tentar rescatar a un grupo de nenos, e poñía en valor a importancia da colaboración intermunicipal.

A proba absoluta da Volta á Ría terá unha distancia de ao redor de 21 quilómetros, discorrendo sobre asfalto polas catro localidades organizadoras, e estará incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo. Saída e meta situaranse no Camiño do Regueiro, nas inmediacións dos accesos a AP-9, en Neda.


Categorías e trofeos
A carreira, como en anos anteriores, estará aberta tanto a deportistas federados como non federados maiores de idade (nacidos no 2007 ou con anterioridade).

Deberán dispor, obviamente, das condicións físicas requiridas para afrontar esta esixente proba que, de novo, contará con modalidades especiais para persoas con discapacidade visual e para participantes que cubran o percorrido en cadeiras de rodas ou en handbikes.

Segundo se apuntou, os e as atletas comezarán ás 10:00 horas o percorrido, que contará co apoio da Garda Civil de Tráfico, da Policía Municipal e das Agrupacións de Protección Civil das localidades implicadas para regular o tránsito e garantir a seguridade.

En paralelo, segundo se apuntou, co gallo de fomentar a participación da rapazada, volveranse programar carreiras con distancias inferiores (entre os 50 metros e os tres quilómetros) para os menores de idade nun circuíto habilitado na contorna do arco de meta.

Recibirán cadanseu trofeo o gañador e gañadora da proba absoluta, os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da media maratón que sexan residentes en calquera dos catro concellos organizadores, e os tres primeiros clasificados de cada unha das categorías (agás os peques que levarán todos medalla).


Prazo de inscrición

A inscrición estará aberta dende hoxe ata o 10 de decembro, ás 23:59 horas, a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. A cota de inscrición na carreira absoluta será de 7 euros, e nas dos menores totalmente gratuíta.

Dende a Concellería de deportes de Fene anímase á cidadanía a participar nesta proba.