Ningunha agresión sen resposta. Ningunha muller soa

Ningunha agresión sen resposta. Ningunha muller soa

Declaración institucional 25 de novembro do 2025

O 25 de Novembro é una data de compromiso colectivo e responsabilidade institucional. Nesta xornada a sociedade galega manifesta de maneira clara o seu rexeitamento a toda forma de violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de selo. A violencia de xénero é unha das máis graves violacións dos dereitos humános. Atenta contra a liberdade, a dignidade e a vida das mulleres, e constitúe un obstáculo inaceptable para o avance da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Erradicala é unha obriga democrática, ética e institucional. Neste ano, cando se cumpren 30 anos da Declaración e Plataforma de Beijing reafirmamos o noso compromiso con este marco histórico que sentou as bases dunha resposta integral fronte á violencia contra as mulleres.

Neste ano 2025, cúmprense tamén 18 anos da Lei galega contra a violencia machista aprobada despois dun intenso traballo de escoita social. Foi unha lei pioneira que contemplou a visión da violencia contra as mulleres en todas as súas dimensións e como consecuencia do patriarcado. Desde entón, grazas á presión da mobilización feminista houbo distintas melloras e puxéronse en marcha recursos importantes.

Porén, non é suficiente, aspectos recollidos na lei como garantir a atención psicolóxica na Atención Primaria non son hoxe unha realidade, non existe unha axuda periódica que inclúa ás vítimas de violencia sexual, falta financiamento e persoal para os CIM e en ámbitos estratéxicos como o ensino público non
hai un verdadeiro plan de educación afectivo-sexual.

A carencia de servizos públicos son un obstáculo na loita contra a violencia machista. É por iso que é fundamental tanto acrecentar os recursos económicos para este ámbito como reforzar os servizos públicos.


No 2024 foron asasinadas, segundo as estatísticas oficiais, cinco mulleres en Galiza e hoxe hai máis de 6.000 casos activos en Viogén e no que vai de 2025 houbo varios feminicidios e intentos de feminicidio en Galiza. A violencia machista é unha realidade incuestionable, constitúe un problema de dereitos humanos e é o principal problema da vida das mulleres e polo tanto as institucións deben reacionar reforzando recursos e servizos públicos.

Por estes motivos a corporación municipal do Concello de Fene denuncia que o negacionismo da violencia machista é unha forma de violencia machista e reafirma o seu compromiso co reforzo dos servizos públicos e o aumento dos recursos do sistema de protección e atención ás vítimas e, así mesmo, anima á veciñanza da localidade a secundar as mobilizacións do movemento feminista galego.

Nesta data o Concello de Fene, en representación da súa veciñanza e a través de todos os grupos políticos que conforman a Corporación Municipal, declara:

1.- O seu rexeitamento rotundo e unánime a calquera forma de violencia contra as mulleres, sexa física, psicolóxica, sexual, económica, institucional ou simbólica.

2.- O seu apoio e solidariedade incondicional con todas as mulleres vítimas e coas súas familias, así como o recoñecemento ás entidades, profesionais e servizos públicos, especialmente os centros de información á muller, servizos sociais municipais e forzas e corpos de seguridade, que traballan cada día na súa atención, protección e recuperación.

3.- Atender ás recomendacións e deficiencias sinaladas polo Consello de Contas no seu Informe de fiscalización das actuacións para a prevención integral da violencia de xénero na Comunidade Autónoma no período comprendido entre 2018 e 2022 e, singularmente, pautar o incremento de persoal, o incemento do orzamento destinado a prevención e sensibilización, a planificación dos procesos de contratación e subvencións con publicidade e concorrencia e a aprobación dun plan estratéxico
específico para a loita contra a violencia machista.

4.- Impulsar un novo marco regulamento e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados, impulsar a fixación de rateos mínimas de persoal e favorecer a contratación a xornada completa, como mínimo, de todo o persoal que sexa obrigatorio para a acreditación do CIM.

5.- O chamamento á cidadanía de Fene e de toda Galicia para que se implique activamente, rexeitando calquera comportamento, expresión ou actitude que reproduza desigualdade ou discriminación, e apoiando as iniciativas sociais que promovan unha cultura de repecto, igualdade e coidado mutuo

O Concello de Fene renova así o seu compromiso coas mulleres e coa sociedade, coa firme convicción de que só desde a unidade, o consenso e a responsabilidade compartida poderemos construir un futuro libre de violencia.

 A violencia contra as mulleres non é un asunto privado: é un problema social, político e institucional que interpela a todas as persoas e require unha resposta común, firme e continuada. Por iso, hoxe máis que nunca, dicimos alto e claro:

Ningunha agresión sen resposta. Ningunha muller soa.

Fene, 6 de Novembro do 2025

Bloque Nacionalista Galego Partido Popular Partido Socialista Esquerda Unida