O espectáculo de contos e ilustración de Caxoto e Marc Taeger chega a Fene este xoves

O espectáculo de contos e ilustración de Caxoto e Marc Taeger chega a Fene este xoves

Un contador de contos coa cabeza a paxaros e un ilustrador chiflado… que pode saír mal? Así se presenta o espectáculo “Contos debuxados, debuxos contados” que organiza a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, para este xoves, 11 de decembro, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. Os protagonistas son o contador de contos Caxoto e o debuxante Marc Taeger “dous artistas desbordando creatividade… e moitas gañas de xogar!”. A función vai dirixida a público familiar maior de 4 anos e a entrada será libre e de balde. Espectáculo programado dentro do ciclo do Nadal en Fene.

Que pasa cando xuntas ilustración e palabra escrita? Que xorden os grandes álbums ilustrados. Que pasa cando xuntas ilustración e palabra contada? Pois que xorde Contos debuxados, debuxos contados. O ilustrador Marc Taeger e o contador de contos Caxoto executan este man a man escénico nun perigoso experimento que non foi autorizado por ningunha autoridade competente. Dun lado a picaresca, o trazo conciso e a fantasía visual de Marc e doutro lado a retranca, a voz firme e o maxín bule bule de Caxoto. un espectáculo cheo de vitalidade, situacións esperpénticas, personaxes inesquecibles, creatividade desbordada, algunha que outra liorta escénica e moita, moitísima diversión.

E por se iso fose pouco, nun triplo salto mortal a esta mistura engadímoslle a participación imprevisible do público… Que temos como resultado? Pois un espectáculo cheo de vitalidade, situacións esperpénticas, personaxes inesquecibles, creatividade desbordada, algunha que outra liorta escénica e moita, moitísima diversión.

Caxoto é a persoa que se atopa tras do mostrador na Trastenda dos Contos. Mestre en educación primaria e sempre ligado ao espazo escénico entra en contacto coa narración oral coa súa chegada á Editorial Kalandraka no 2004. Alí logo de formarse como narrador asume a campaña de animación á lectura que o leva por colexios e bibliotecas de toda Galicia. A partir de aí comeza un longo camiño no que ir definindo o contador que chegou a ser ben a partires do seu traballo ben a través da formación con algunhas das figuras máis relevantes da narración oral: Paula Carballeira, Cándido Pazó, Celso F. Sanmartín Campanari, Mercedes Hernández ou Carolina Rueda.

Marc Taeger naceu en Berna (Suiza) un domingo de madrugada do ano 1963. Despois diso pasou a súa infancia entre Italia, Portugal, Alemaña e España. Estudou deseño Gráfico e Ilustración na Escola Superior de Comunicación Visual de Tréveris (Alemaña).Ten realizado exposicións en Barcelona, Madrid, Santiago de Compostela, Paris, Luxemburgo, San José de Costa Rica e Shangai. Ten varios premios, entre eles o Premio Daniel Gil de ilustración e dous premios LAUS, que concede a Asociación de Deseñadores Gráficos de España.