O Nadal en Fene continúa esta semana con danza para bebés e concertos das escolas de música e de panxoliñas

O Nadal en Fene continúa esta semana con danza para bebés e concertos das escolas de música e de panxoliñas

O programa organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo Nadal en Fene contempla tres novas actividades para esta semana. A primeira cita será o xoves 18 de decembro, ás 18.30 horas na Casa da Cultura, coa compañía Caramuxo e o espectáculo de danza para bebés Catro. O venres 19 será o Festival de Nadal das Escolas Municipais de Música, ás 17.00 horas tamén na Casa da Cultura. E para o sábado 20, ás 20.00 horas no local social da ACRD O Pote de Maniños, anúnciase o XXIII Festival de Panxoliñas “Concello de Fene” coa participación da Rondalla Estrelecer, Coral Polifónica Agarimo de Sillobre e Coral Polifónica O Pote de Maniños.

Espectáculo de danza para bebés “Catro”, de Caramuxo Teatro
Xoves 18 de decembro, ás 18.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura
Dirixido á primeira infancia (ata 4 anos)
Duración: 45 minutos
Entrada de balde con aforo limitado.
Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

“Catro” é unha proposta de Caramuxo Teatro para a primeira infancia: unha peza visual que xoga coa vida, coas formas, os sons, as texturas, co movemento… Porque catro lados ten un cadrado, catro son as estrelas que vexo dende a miña habitación, catro os recunchos do meu lugar favorito… E catro é a experimentación a partir dun número que se repite na nosa vida a través do movemento coma linguaxe, como canle de coñecemento. E catro é un espectáculo para gozar en familia pero especialmente dirixido á primeira infancia (ata 4 anos).

Festival de Nadal das Escolas Municipais de Música
Venres 19 de decembro, ás 17.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura
Dirixido a tódolos públicos
Entrada de balde con aforo limitado
Organiza: Concellería de Cultura

Concerto de Nadal do alumnado das Escolas Municipais de solfexo, piano e guitarra.

XXIII Festival de Panxoliñas Concello de Fene
Sábado 20 de decembro, ás 20.00 horas, no local social da ACRD O Pote de Maniños
Dirixido a tódolos públicos
Entrada de balde
Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración das entidades sociais, corais e rondallas do municipio

Coa participación da: Rondalla Estrelecer, Coral Polifónica Agarimo de Sillobre e Coral Polifónica O Pote de Maniños.