Febreiro arrincou coa primeira sesión do Proxecto Indira
05-02-2026
Coa presenza da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o Concelleiro de Benestar Social, Manuel Polo Gundín, onte deu comezo o Proxecto Indira. Un espazo de encontros semanais para mulleres no que se abordarán diferentes temas e actividades relacionados co desenvolvemento persoal e a saúde en todas as súas dimensións.
Nesta edición participan 19 mulleres. Traballarán o autocoñecemento e o autocoidado, a consciencia corporal, conectarán a través das vivencias de cada muller participante fortalecendo a consciencia como persoas de dereito e respecto. Poñerán en práctica ferramentas que lles permitan unha mellor xestión das emocións, aumentar a sensación de comprensión, apoio e coidado de cara a empoderar as dimensións como persoa: mental, física e emocional.
O grupo estará guiado por tres psicoterapeutas con ampla formación e experiencia en Igualdade, Sexualidade, Educación Emocional, Técnicas de Relaxación e Atención Plena, Traballo Corporal, Autocoñecemento e Terapia do Reencontro entre outras.
O proxecto vai dirixido ás mulleres de Fene, maiores de idade, con ganas de crecer emocionalmente, de compartir e de crear espazos de “SORORIDADE” (solidariedade entre mulleres), de empoderarse, de coñecerse e coidarse tanto mental, física como emocionalmente.
Esta primeira edición de este ano 2026, desenvolverase durante os meses de febreiro a maio de 2026. Do 4 de febreiro ata o 27 de maio, cunha sesión semanal os mércores de 10:00h a 12:00h da mañá.
• Febreiro: días 4,11 e 25
• Marzo: días 4,11,18 e 25
• Abril: días 8,15,22 e 29
• Maio: días 6,13,20 e 27
